- Tematica
Un total de once propostas compuxeron a oferta de campamentos de verán do Concello de Ames neste 2022, nos que participaron un total de 460 rapazas e rapaces. As actividades comezaron o 26 de xuño e remataron o pasado sábado 3 de setembro, co peche do último campamento na Granxa Escola El Kiriko. Nove dos campamentos foron xestionados pola Aula da Natureza, mentres que a OMIX organizou outros dous. Con estas iniciativas búscase dotar ás participantes das ferramentas precisas para lograr a súa autonomía e independencia, fomentando a convivencia, a cooperación, o respecto e un xeito de vida saudable, ao tempo que se achegan ao medio natural, ao deporte ou á cultura.
O servizo de campamentos de verán 2022 estivo dirixido á rapazada que cursa educación infantil, primaria, secundaria ou bacharelato. Este ano a oferta de campamentos e o número de prazas aumentou, ademais de incorporar novos destinos como o cámping Paisaxe II, no Grove; á praia de Patos, en Nigrán; e á Granxa Escola de Bergando, en Negreira. Ademais, por primeira vez organizouse un campamento único e específico dirixido ao alumnado de cada curso de educación primaria.
En total, o programa de campamentos municipais incluíu 10 campamentos diferentes con estadía nocturna, máis dúas quendas do campamento urbano da Aula da Natureza. Tanto este campamento urbano como as propostas dirixidas aos nenos e nenas de educación infantil e primaria foron organizados pola Aula da Natureza, mentres que as dúas actividades para a rapazada de secundaria e bacharelato foron xestionados pola OMIX.
Os primeiros campamentos en realizarse este verán foron os da praia de Patos, en Nigrán, nos que participaron 36 rapaces e rapazas de 6º de educación primaria do 26 de xuño ao 1 de xullo. Antes de rematar o mes, tamén comezaron os campamentos do Ecoalbergue Alvarella, situado nas Fragas do Eume, do que gozaron outras 36 crianzas de 4º de primaria, do 28 de xuño ao 2 de xullo; e o campamento Fervenzaventura, en Bandeira, que se desenvolveu do 29 de xuño ao 1 de xullo e ao que viaxaron 23 nenas e nenos de 5º e 6º de educación infantil.
Xa en xullo, os seguintes en viaxar aos campamentos foron 34 rapaces e rapazas de 3º de educación primaria, que estiveron en Galipark (Padrón) do 4 ao 8 de xullo. Tamén neses días, do 6 ao 8 de xullo, permaneceron na Granxa Escola Bergando, en Negreira, 16 alumnos e alumnas de 1º de primaria. Por outra banda, 44 rapaces de 5º de primaria estiveron no cámping O Terrón, situado en Vilanova de Arousa, do 12 ao 17 de xullo, e outras 35 crianzas de 2º de primaria pasaron uns días no campamento da Granxa Escola Corazón de Carballo, en Tomiño, do 18 ao 20 de xullo.
Ao longo destas datas tiveron lugar as dúas quendas do campamento urbano da Aula da Natureza, nas que participaron 52 rapazas e rapaces de entre 6 e 14 anos. O campamento urbano levouse a cabo do 4 ao 15 e do 18 ao 29 de xullo, nas propias instalacións da aula, situadas na Ameixenda. As actividades realizadas incluíron obradoiros, saídas, xogos e concursos, co foco posto no coidado e o coñecemento da natureza, o traballo en equipo e a empatía.
Campamentos de mocidade
Durante o mes de xullo tamén se desenvolveron os campamentos de Paisaxe II, no Grove, e praia América, en Nigrán, dirixidos á rapazada que cursa educación secundaria e bacharelato. En total, 122 mozas e mozos participaron nestes dous campamentos, xestionados e organizados pola Concellaría de Mocidade.
Por unha banda, no campamento de praia América, en Nigrán, participaron 72 rapaces de 1º e 2º de ESO. Un grupo de 50 rapaces gozaron desta actividade do 10 ao de 16 de xullo, mentres que outros 22 rapaces e rapazas permaneceron alí do 17 ao 23 de xullo. Alí realizaron excursións; practicaron actividades de caiac, paddle board, bici e vela; participaron en xogos na praia, volei, e desfrutaron da piscina.
Ademais, 50 rapaces de 3º de ESO a 2º de bacharelato participaron no campamento Paisaxe II, do Grove, do 10 ao 16 de xullo. As mozas e mozos que participaron en dito campamento visitaron Catoira e maila Lanzada, practicaron paddle surf, body board, caiac e surf. Tamén fixeron varias rutas pola península do Grove, visitaron as Illas Ons, e á volta fixeron unha excursión ata Pontevedra.
Para comprobar que estas actividades se estaban desenvolvendo con normalidade, a segunda semana de xullo, a concelleira de Mocidade, Escarlata Pampín, e maila técnica municipal de mocidade, Pili Villaverde, visitaron as instalacións dos campamentos de Paisaxe II (O Grove) e praia América (Nigrán).
Visita ao último campamento do verán en Fornelos de Montes
O último campamento do verán tivo lugar do 29 de agosto ao 3 de setembro, na Granxa Escola El Kiriko, en Fornelos de Montes. Nel participaron 62 rapazas e rapaces de 6 a 14 anos. Precisamente, este grupo recibiu o pasado 1 de setembro a visita do concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Lens, e da técnica da Aula da Natureza, Patricia Reboreda, que comprobaron de primeira man que as actividades se desenvolvían con normalidade.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Os campamentos reúnen a 460 amesáns no verán"