[18-05-2011] A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu o primeiro curso de reanimación cardio pulmonar e primeiros auxilios organizado pola empresa VV Xestión de Actividades e polo Concello de Ames. Este curso, no que participaron 42 técnicos deportivos, foi impartido por SaDeGa SL. Aos participantes entregóuselles un dossier e manuais de primeiros auxilios. O obxectivo primordial desta iniciativa foi a formación dos técnicos deportivos para a prevención de riscos ante calquera lesión dun deportista.
O pasado 14 de maio tivo lugar o primeiro curso de formación de reanimación cardio pulmonar básica (R.C.P.) e primeiros auxilios que se celebrou no Concello de Ames. A Casa da Cultura do Milladoiro foi o recinto escollido para acoller esta xornada, que estivo orientada fundamentalmente a persoas relacionadas co deporte co obxectivo de obter máis coñecementos sobre a prevención de riscos nos deportistas.
A empresa encargada de xestionar as actividades deportivas do municipio, VV Xestión de Actividades S.L. coa colaboración e o patrocinio do Concello de Ames, foi neste caso a encargada de organizar este curso, cuxo obxectivo baseouse en preparar os adestradores a administrar primeiros auxilios de xeito correcto ante calquera lesión dun deportista. As clases foron impartidas pola empresa especialista en saúde e deporte, SaDeGa S.L que achegou persoal especializado e o material necesario.
Dentro deste curso impartiuse un ciclo gratuíto teórico-práctico no que o número de prazas foi limitado. Un total de 42 persoas representativas das asociacións deportivas do Concello e do deporte en xeral foron os participantes na xornada do sábado. O xerente de VV Xestión de Actividades, Juanma Vegas, explicou que "houbo máis peticións para asistir polo que intentamos seleccionar de xeito equitativo a representantes dos diferentes sectores deportivos do Concello".
O curso durou oito horas. O horario foi dende as 10:00 horas ás 14:00 horas da mañá e continuou pola tarde, dende as 16:00 horas ata as 21:00 horas. Aos participantes entregóuselles un dossier do curso ademais de manuais de primeiros auxilios para a formación. José Luís Seoane, médico e profesor da escola deportiva de Pontevedra, ofreceu unha charla. Tamén se contou con dous socorristas, ademais de todo o material necesario como é o desfibrilador, monecos de prácticas, entre outros elementos.
O programa contou cos seguintes contidos fundamentais de aprendizaxe: soporte vital básico (Reanimación cardio pulmonar básica e demostración do funcionamento do desfibrilador externo), valoración primaria e secundaria, osixenoterapia, traslado de accidentados, colocación do colar ortopédico, inmobilizacións... Ademais ensinouse como atender outro tipo de incidencias como poden ser as picaduras, feridas hemorraxias, etc.
Segundo a propia organización do curso, con estas clases pretendeuse achegar a todo este colectivo de adestradores/as, monitores/as, delegados/as, directivos/as de equipos e grupos deportivos do Concello de Ames a formación necesaria para evitar riscos e así garantir a seguridade de todos eses grupos, e tamén para que poidan protexerse ante denuncias inxustificadas.





