Pestanas principais

400 alumnos do CEP de Ventín realizaron unha plantación de árbores no monte escolar do Concello

Venres, 18 de marzo de 2011

[18-03-2011] Onte pola mañá 400 rapaces de 3º, 4º, 5º e 6º de educación primaria realizaron unha plantación no monte escolar, que está situado no lugar de Carballo pertencente á parroquia de Trasmonte. Os rapaces nesta ocasión, primeiro avaliaron o estado das árbores plantadas en anos anteriores e despois repuxeron todas aquelas árbores que estaban secas e non medraron coa suficiente forza. Esta actividade lévase realizando cinco anos e encádrase dentro do programa municipal "Monte Vivo" que promove a valorización do monte amiense. Unha maneira sinxela e directa de que os rapaces estean en contacto co medio ambiente, ademais de contribuír á súa conservación. O alcalde de Ames, Carlos Fernández, e a concelleira de Medio Ambiente, Úrsula Seijas, visitaron esta mañá aos rapaces que se atopaban desenvolvendo os traballos de plantación para coñecer a súa experiencia persoalmente.

Non hai tanto tempo que está estendida a consciencia sobre o importante que son os bosques. A día de hoxe son múltiples as efemérides e eventos que nos lembran a necesidade de conservar a masa vexetal. O Día Forestal Mundial, cada 21 de marzo, ou o Día Internacional da Árbore son dúas das celebracións que recoñecen o destacado papel destes seres vivos a escala planetaria. Con motivo desta celebración o alumnado do CEP de Ventín trasladouse ao monte-escola, situado no lugar de Carballo, en Trasmonte, para realizar unha plantación de plantas aromáticas e cerdeiras.

Os alumnos/as de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria do CEP de Ventín saíron das súas aulas para estar en contacto co contorno natural. Os rapaces trasladáronse ata o lugar de Carballo, na parroquia de Trasmonte, para participar na plantación de árbores, plantas e herbas aromáticas e contribuír así á recuperación dunha das zonas danadas pola vaga de incendios do ano 2006.

A xornada comezou, ás 10:00 horas, coa valoración do estado no que se atopa a finca. Deste xeito supervisouse o estado no que se atopan as árbores e herbas aromáticas que foron plantadas en anteriores anos. Durante o primeiro ano que se desenvolveu esta iniciativa plantáronse carballos e castiñeiros. No segundo ano, os elixidos para repoboar foron as cerdeiras e de novo, castiñeiros. Xa o ano pasado, os rapaces e rapazas plantaron distintas herbas aromáticas.

A actividade levada a cabo onte polos alumnos e alumnas de Ventín consistiu na repoboación do monte escolar coa plantación dunha serie de especies autóctonas que, polas súas características, poderían axudar a impedir unha rápida propagación do lume no caso de que houbese de novo un incendio pola zona. Isto débese a que a folla caduca e ancha destas especies xera ao seu arredor unha sombra que contribúe a baixar a temperatura e impide ao mesmo tempo que medre o mato debaixo da árbore. Os rapaces e rapazas tamén se encargaron de facer os marcos de 4x4 para plantar as árbores.

Ademais de recibir os imprescindibles consellos para empregar correctamente o sacho e levar a cabo a plantación destas especies autóctonas, os nenos e nenas de primaria do CEP de Ventín participaron na recuperación desta parcela forestal a través doutras accións tales como a limpeza da terra, retirando paus e malas herbas, ou o traslado de especies como salgueiros ou piñeiros, que transplantaron noutros lugares próximos. Todos os rapaces e rapazas amosáronse interesados e activos, incluso aqueles que non estaban acostumados aos traballos coa terra no campo.

Este ano como novidade, uns 60 alumnos e alumnas de 6º de primaria foron este mércores á planta de compostaxe de Lousame. Alí viron todo o proceso que se realiza dende que se deposita o lixo nos colectores ata que se converte en abono vexetal. Despois de ver como se realiza este proceso os rapaces e rapazas colleron varios sacos de abono vexetal que mesturaron con terra na plantación das plantas aromáticas e cerdeiras.

Contacto directo co monte

As actividades de reforestación permiten que os nenos e nenas manteñan un contacto directo co monte e os espazos naturais ao tempo que contribúen á súa conservación. Este é o principal obxectivo dunha iniciativa que foi promovida polo proxecto Voz Natura e na que o Concello de Ames quixo participar dende o inicio, como unha acción máis das pertencentes ao programa "Monte Vivo", ofrecendo a súa colaboración a través da concellaría de Medio Ambiente e dos medios e persoal dos que dispón.

O eixe principal en torno ao que xirou esta actividade nesta edición foi a reforestación , conservación e defensa dos espazos arbóreos como parte esencial do desenvolvemento sostible do planeta, é dicir, apostar polas árbores como sumidoiro de CO2 e emisor de osíxeno á atmosfera. Deste xeito este ano primaron as actividades relativas ao desenvolvemento e protección dos bosques e recursos forestais, as repoboacións con especies autóctonas, a limpeza e os hábitos saudables en favor destes ecosistemas.

Despois do traballo os rapaces e rapazas foron premiados cun refresco e cunha bolsa que foi feita a través do reciclaxe de plástico. O alcalde de Ames, Carlos Fernández, e a concelleira de Medio Ambiente, Úrsula Seijas, visitaron esta mañá aos rapaces que se atopaban desenvolvendo os traballos de plantación para coñecer a súa experiencia persoalmente.

Monte escolar con denominación de orixe

A comezos deste mes os operarios da brigada de garda medio ambiental estiveron colocando un cartel nestas parcelas de Trasmonte para identificar o lugar onde se desenvolve o Programa de Valorización do Monte e Prevención de Incendios Forestais. Deste xeito será máis doado atopar a finca, tanto para os que van por primeira vez como para aqueles que aínda non saben que Ames é un dos poucos concellos que contan cun monte escolar.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Trescientos escolares de Ventín repueblan un monte de Ames que arrasó el fuego"
La Voz de Galicia: "Trescientos escolares de Ventín repueblan un monte de Ames que arrasó el fuego"
La Voz de Galicia: "Trescientos escolares de Ventín repueblan un monte de Ames que arrasó el fuego"
La Voz de Galicia: "Trescientos escolares de Ventín repueblan un monte de Ames que arrasó el fuego"
La Voz de Galicia: "Trescientos escolares de Ventín repueblan un monte de Ames que arrasó el fuego"
La Voz de Galicia: "Trescientos escolares de Ventín repueblan un monte de Ames que arrasó el fuego"
La Voz de Galicia: "Trescientos escolares de Ventín repueblan un monte de Ames que arrasó el fuego"