[18-07-2018] O campo de fútbol de Bertamiráns acolleu do 9 ao 13 de xullo a terceira edición do Depor Campus. Neste campus, que esta organizado polo RC Deportivo da Coruña e que conta coa colaboración do Bertamiráns FC e do Concello de Ames, participaron 40 rapaces e rapazas de 6 a 14 anos. Deste xeito, realizáronse cinco xornadas de adestramento e diversión cos adestradores do Real Club Deportivo, en horario de mañá, de 10.00 a 14.00 horas. Nos adestramentos emprégase un método que fomenta valores como o xogo limpo, o respecto polo rival, o esforzo, a solidariedade e a amizade a través do deporte.

Por terceiro ano consecutivo Ames acolleu o Depor Campus, que organiza o RC Deportivo da Coruña en colaboración co Concello de Ames e o Bertamiráns FC. O Depor Campus tivo lugar entre os días 9 e 13 de xullo, en horario de 10:00 a 14:00 horas, no campo de fútbol municipal de Bertamiráns.
No Depor Campus participaron 40 rapaces e rapazas de 6 a 14 anos, tanto do Bertamiráns FC como xogadores e xogadoras doutros clubs. Os técnicos do Real Club Deportivo da Coruña encargáronse de conducir todas as sesións de adestramentos. Aos rapaces e rapazas participantes entregóuselles un equipamento consistente nun pantalón, unha camiseta e unhas medias.
Nas xornadas do Depor Campus intentouse desenvolver, entre os/as participantes, habilidades e conceptos na relación co ou coa opoñente, así como na relación co propio compañeiro ou compañeira. Os e as porteiras adestraron tamén este tipo de habilidades de xeito especializado. Tampouco se descoidou a educación en hábitos saudables, incidindo na importancia da alimentación dos e das deportistas. Xogáronse partidos reducidos/minipartidos, traballáronse situacións básicas de aprendizaxe (1x1, 2x2, 3x3) e rondos básicos e posicionais. Tamén se realizaron xogos de relación co balón e de posición, circuítos coordinativos, e participaron en situacións de xogo real (competición/Liga interna).
Ademais, o RC Deportivo fomentou a transmisión de valores como o respecto, a amizade e a solidariedade, que o propio Bertamiráns FC e outros clubs de base transmiten aos seus xogadores e xogadoras no día a día. O Depor Campus rematou cunha xornada de diversión e na que se lle fixo entrega a todos/as os/as xogadores/as dun diploma que acredita a participación en dito campus.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Peche do terceiro Dépor Campus en Bertamiráns"
Compostela 24 horas: "40 rapaces e rapazas participaron na terceira edición do Depor Campus organizado en Bertamiráns"




