[29-06-2016] Ao longo desta semana estase desenvolvendo a primeira edición do campus Amesbasket, que organizan o Club Basquet Ames e mailo Club Baloncesto Rosalía de Castro, e que conta coa colaboración do Concello de Ames. Nesta iniciativa deportiva, que se imparte no Milladoiro, participan uns 40 rapaces e rapazas de entre os 7 e os 16 anos de idade. Para a realización das actividades deportivas, que son impartidas por adestradores do Club Basquet Ames e do Club Baloncesto Rosalía de Castro, os participantes están divididos en catro grupos segundo as idades.
O primeiro campus Amesbasquet, no que participan nenos e nenas de entre 7 e 16 anos, estase desenvolvendo no pavillón polideportivo municipal, nas instalacións deportivas do IES do Milladoiro e nas piscinas descubertas do Milladoiro entre o 27 de xuño e mailo 1 de xullo. Esta iniciativa está organizada polo Club Basquet Ames e mailo Club Baloncesto Rosalía de Castro, e conta coa colaboración do Concello de Ames que cede as instalacións onde se desenvolve esta iniciativa deportiva.
Neste campus participan uns 40 rapaces e rapazas, que están divididos en catro grupos segundo as idades. Durante os cinco días que dura este campus os nenos e nenas practicarán fundamentalmente baloncesto, pero ademais tamén realizan outras actividade lúdicas nas piscinas descubertas municipais. As actividades son impartidas por adestradores do Club Basquet Ames e do Club Baloncesto Rosalía de Castro.
A maioría dos participantes emprega o servizo de comedor polo que están no campus de 9:30 a 18:00 horas. Deste xeito, comezan realizando diferentes exercicios de baloncesto, para de seguido, almorzar ás 11:00 horas. A continuación teñen un tempo de ocio no que participan en diversos xogos e competicións. A mañá remata cun baño nas piscinas municipais. Xa pola tarde volven a ter adestramento de baloncesto entre as 16:00 e as 18:00 horas.
Ademais, este xoves 30 de xuño, todos os rapaces e rapazas realizarán unha excursión ao parque acuático de Cerceda. A xornada de clausura do campus será o sábado, 2 de xuño, ás 12:30 horas, no que se lle fará entrega a cada participante dun lote de material deportivo. Cómpre destacar que practicamente a totalidade dos rapaces e rapazas que participan neste campus son de Ames e xogan no Club Basquet Ames, no Club Baloncesto Rosalía de Castro ou nos equipos de baloncesto das escolas deportivas municipais.
O presidente do Club Basquet Ames, José Luís Penas, destacou “a boa acollida que tivo este campus entre a poboación moza do concello, xa que a pesar de ser a primeira edición desta iniciativa xuntamos uns 40 rapaces e rapazas de idades moi diversas. O noso obxectivo é consolidar este campus durante as vacacións estivais”. “Tamén queremos que a través desta iniciativa as rapazas saiban que hai clubs en Ames para practicar baloncesto e sexa un deporte de práctica masculina e feminina”, finalizou dicindo Penas.






