[27-06-2016] Esta pasada fin de semana 40 equipos reuníronse no campo de fútbol de Bertamiráns para participar na V Ames Cup. A competición desenvolveuse ao longo do sábado 25 e o domingo 26 de xuño con moi boa asistencia e participación do público. O Bertamiráns FC A, en categoría biberón, o Atlético Fátima na pre-benxamín, os xogadores benxamíns do Ulla CF e a SD Ponferradina, na categoría alevín, proclamáronse vencedores desta edición. Cinco xogadores amesáns, todos eles do Bertamiráns FC, recibiron premios que destacan a súa actuación durante os partidos.
O sábado pola mañá comezaron as fases de grupo das categorías biberóns e pre-benxamíns, os máis pequenos do torneo. Xa pola tarde enfrontáronse na final da categoría biberón o Bertamiráns CF A e o SDV Cabo de Cruz, impoñéndose os primeiros por 4 goles a 0. Nesta categoría non se xogou o partido polo terceiro e cuarto postos, ao estar inscrito un menor número de equipos. Na categoría pre-benxamín os xogadores do Atlético Fátima disputáronlle aos do ED Santiago o trofeo de campións, gañando os primeiros por 4 goles a 1. O Bertamiráns FC A clasificouse terceiro tras vencer ao Xallas SC por 3 goles a 1.
Na categoría biberón foron premiados Eduardo Ribeiro, do Bertamiráns CF, como mellor porteiro, Manuel Torrado da SDV Cabo de Cruz co trofeo ao máximo goleador e Alejandro Martínez, tamén do Bertamiráns CF como mellor xogador. Pola súa banda foron distinguidos na categoría pre-benxamín o porteiro David Pajaro, do Atlético Fátima; Alfonso Repesa, do ED Santiago, máximo goleador da súa categoría, e Daniel Couselo, do Atlético Fátima, como mellor xogador. Iago Vidal, do Atlético Fátima, e Fran Fernández, da SDV Cabo de Cruz, foron premiados na categoría de mellor adestrador pola súa labor.
O domingo 26 continuaron os partidos, esta vez correspondentes ás categorías benxamín e alevín. O esquema foi idéntico ao da xornada anterior: fase de grupos pola maña e finais e partidos polo terceiro e cuarto postos pola tarde. O partido pola final da categoría benxamín enfrontou ao Ulla CF co EF Calvo, encontro que rematou coa vitoria do Ulla CF, tras marcar o único gol do partido. O CD Dodro clasificouse terceiro tras derrotar ao Atlético Fátima por 3 goles a 1. Os dous partidos da final e de consolación ca categoría alevín contaron coa presencia dun equipo do Bertamiráns FC, os rapaces do equipo A perderon contra a SD Ponferradina por 2 goles a 1, mentres que o equipo B rematou en terceira posición tras marcar dous goles ao AD Burgo das Nacións.
Os premios individuais das categorías benxamín e alevín foron entregados polo alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, que acudiu á clausura desta quinta edición da Ames Cup. Na categoría benxamín foron destacados Hugo Lema, do EF Luís Calvo, como mellor porteiro, Joel Negreira, tamén do EF Luís Calvo, como máximo goleador, e Juan Ferreiro, do Bertamiráns FC, como mellor xogador da xornada. Pola súa banda Xon Suárez, do Bertamiráns FC A, foi condecorado como mellor porteiro da categoría alevín, Marcelo Munín, do mesmo equipo, foi premiado como máximo goleador dos alevíns e Ander Velado, da SD Ponferradina, foino como mellor xogador. Foron premiados como mellores adestradores Sergio Blanco, da SD Ponferradina e Óscar Toja, do EF Luís Calvo.




