Pestanas principais

37 persoas participaron no V Concurso de Canto de Canarios Val da Maía

Martes, 29 de novembro de 2011

[29-11-2011] A Asociación Galega deportiva e cultural do Canario de Canto, en colaboración co Concello de Ames e a clínica veterinaria Amigos, organizaron durante os días 25 e 26 de novembro o V Concurso de Canto de Canarios Val da Maía. O campionato contou con 37 participantes. Os paxaros que competiron na modalidade individual e por equipos eran de tres razas diferentes (roller, malinois e timbrado español). Coma nos últimos anos, o campionato rematou cunha comida de confraternización na que os participantes degustaron un saboroso cocido. A esta comida asistiron en representación do goberno municipal o concelleiro de Cultura, Educación e Patrimonio, Alfonso Rey, o concelleiro de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, Manuel Ferreiro, e a concelleira de Medio Ambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade, Eugenia Martín.

Durante os días 25 e 26 de novembro celebrouse na Casa da Cultura de Bertamiráns o quinto concurso de canarios de canto Val da Maía, organizado pola Asociación Galega deportiva e cultural do Canario de Canto, en colaboración co Concello de Ames e a clínica veterinaria Amigos. No campionato, que se desenvolveu durante a tarde do venres e o sábado durante todo o día, participaron 37 persoas.

Os paxaros que competiron nas modalidades de individual e en grupo eran de tres razas diferentes (roller, malinois e timbrado español). Na raza malinois, modalidade individual, os tres premios foron para José Luis Carregal, mentres que, na modalidade de grupo, o primeiro premio recaeu en José Luis Carregal, cunha puntuación de 459, o segundo foi para Casiano Álvarez, que obtivo unha puntuación de 408, e o terceiro para Antonio Torre cunha puntuación de 404 puntos.

Na raza roller, modalidade individual, Aitor con 87 puntos acadou o primeiro posto. O segundo posto foi para Alejandro, que acadou 85 puntos, e en terceiro lugar quedou Óscar con 85 puntos. Nesta mesma raza, pero na modalidade de grupo, gañou Aitor con 347 puntos, o segundo posto foi para Eulogio con 336 puntos e en terceira posición quedou Óscar con 333 puntos.

Na raza timbrado español, modalidade individual, gañou Eduardo Cerqueira con 90 puntos, segundo foi Carlos Cotovad con 90 puntos e a terceira posición foi para Cándido Lorenzo, que tamén acadou 90 puntos. Na modalidade de grupo o primeiro posto foi para José Manuel Pena con 354 puntos, o segundo posto foi para Cándido Lorenzo, que obtivo 353 puntos, e no terceiro posto quedou José López con 353 puntos.

Para outorgar as puntuacións os xuíces tiveron en conta aspectos como o seu repertorio, as notas e a musicalidade. A entrada foi gratuíta e estivo aberta a todos os públicos. O concurso rematou cunha comida de confraternidade na que os participantes puideron degustar un saboroso cocido.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "37 persoas participaron no V Concurso de Canto de Canarios Val da Maía"