[29-08-2017] Na Granxa Escola Kirico, en Fornelos de Montes, as 36 rapazas e rapaces amesáns practicarán, entre outras actividades, sendeirismo, kayac, hípica e tirolina. Este é o segundo ano que o Concello de Ames organiza un campamento no mes de setembro, co obxectivos de facilitar a conciliación da vida laboral e familiar ás nais e pais que xa comezaron a traballar nestas datas. O campamento remata o vindeiro domingo, 3 de setembro.
A Granxa Escola Kirico ofrece a oportunidade ás 36 mozas e mozos participantes de gozar dun entorno natural e dos costumes do rural. Cunha extensión total de 11 hectáreas, conta con salas de obradoiros e de audiovisuais, sala de lavadora e secadora, cunha nave gandeira e unha zona de aviarios, cun invernadoiro, unha horta biolóxica, piscina, zona deportiva, parque infantil, estanque, carballeira, senda botánica e parque multiaventura.
No campamento, as rapazas e rapaces amesáns, de entre os 6 e os 16 anos, estarán acompañados por un equipo de monitores-educadores conformado por profesionais do campo do ocio e dos deportes, pedagogos e educadores. Haberá un monitor por cada 10 mozas e mozos e máis unha coordinadora. Asemade, de Ames tamén partirán xunto ás rapazas e rapaces, a coordinadora da Aula da Natureza, Patricia Reboreda, e unha voluntaria xuvenil do programa “Mozos e Mozas en Conexión”, da Xunta de Galicia.
Entre as iniciativas que se van a desenvolver durante estes días diferéncianse tres tipos: actividades de granxa, actividades de bosque e actividades complementarias. As de granxa inclúen o contacto directo cos animais e os seus cuidados, incorporando xogos de pastoreo e, tamén, actividades de horta. As actividades do bosque incorporarán un percorrido polo bosque autóctono, xogos de educación ambiental dinámicos e obradoiros de reciclaxe ou con elementos do bosque. Por último, as actividades complementarias son aquelas de carácter lúdico que comprenden dinámicas de colaboración, veladas de animación con xogos nocturnos e festas, xincanas e xogos acuáticos na piscina.
Este é o segundo ano que o Concello de Ames organiza un campamento a finais do verán, co obxectivo de facilitar a conciliación familiar e laboral ás nais e pais que xa comezaron a traballar nestas datas. Unha das novidades deste ano é o aumento da idade dos participantes. Na primeira edición do campamento, a idade límite para poder inscribirse era de 12 anos, mentres que este ano ampliouse a 16. Debido á gran diversidade de idades, fanse dous grupos para adaptar as actividades: un dos 6 aos 10 anos, e outro dos 10 aos 16. “Eu creo que un dos aspectos a destacar deste campamento é o feito de que coincidan irmáns, por causa da variedade de idades . Ás veces o pequeno vai porque vai o maior ou ao revés, é o pequeno quen anima ao grande”, afirma Patricia Reboreda.
Un banco de móbiles
Para aquelas rapazas e rapaces que leven o móbil ao campamento, as monitoras e monitores farán un banco de móbiles custodiado. Deste xeito, as mozas e mozos só poderán usalo en horario de 15:00h a 16:00h. As nais e pais poderán recibir información sobre como está a súa filla ou fillo en calquera momento, porén para falar con ela ou el só poderán chamar entre as 15:00h e as 16:00 horas. En caso de que a nena ou neno, non leve teléfono, poderán poñerse en contacto a través do número 986 76 86 00.
Contido relacionado
Ames Go: "Rapaces e rapazas de Ames rumbo á Granxa Escola Kirico"