Pestanas principais

350 rapaces e rapazas participaron nos campamentos municipais de verán

Martes, 09 de agosto de 2011

[09-08-2011] Durante os meses de xuño, xullo e agosto as rapazas e rapaces amienses puideron gozar dunha intensa axenda de actividades de entretemento dentro da programación dos campamentos de verán posta en marcha un ano máis polo Concello de Ames, través dos departamentos de Medio Ambiente, Educación e Xuventude. Este ano os rapaces e rapazas, mozos e mozas que teñen de 3 a 18 anos gozaron duns días de campamentos en lugares como as granxas escolas “Fervenzas do Toxa”, “Os Barreiros” e “Kiriko”, no campamento Os Biocos ou no campamento xuvenil de Cantabria. As cativas e os cativos gozaron da experiencia de vivir novas aventuras nunha nova paraxe e rodeados pola natureza, o deporte, a aprendizaxe e a compaña doutros rapaces. O obxectivo desta iniciativa é fomentar a solidariedade, o respecto, a colaboración e a igualdade.

O Concello de Ames organizou un ano máis os campamentos de verán, unha iniciativa dirixida a todos aqueles rapaces e rapazas que cursaron durante o curso pasado estudios de segundo ciclo de Educación Infantil, Educación Primaria e rapaces e rapazas de 1º a 3º de ESO e de 4º de ESO a 18 anos. Deste xeito, todos os cativos tiveron a posibilidade de pasar uns días divertidos ao tempo que fixeron novos amigos e coñeceron o respecto polo medio ambiente. Ao mesmo tempo, os país e nais puideron conciliar por uns días a vida familiar coa laboral dunha forma máis sinxela.

Este ano os campamentos de verán estiveron divididos en sete grupos. Así, a diferenza de idade entre os integrantes de cada grupo foi menor, o que permitiu que as actividades fosen máis axeitadas para cada un. Os grupos que se estableceron foron: 1º e 2º de Educación Infantil, 3º de Educación Infantil e 1º de Educación Primaria, 2º Educación Primaria, 3º e 4º Educación Primaria, 5º Educación Primaria, 6º Educación Primaria e de 1º a 3º de ESO e de 4º de ESO a 18 anos. Do mesmo xeito, ao haber menos cativos en cada grupo, o abano de destinos abriuse considerablemente.

En todos os campamentos ofrecéronse menús adaptados aos nenos/as que tiñan algún tipo de intolerancia ou alerxia alimentaria. Estas intolerancias ou alerxias debéronse acreditar mediante un informe pediátrico. Ademais do persoal e dos monitores de cada centro, elixidos tendo en conta a promoción do coidado e do coñecemento do medio ambiente, tamén acompañaron aos cativos responsables do concello, que son xa caras familiares para os rapaces, pretendendo que tiveran un punto de referencia coñecido nos campamentos.


Campamentos ofertados

O primeiro campamento ofertado foi o da granxa colexio Fervenza do Toxa. Este campamento ofertouse en dúas quendas. Primeiro organizouse para os nenos/as de 1º e 2º de infantil e posteriormente para os nenos e nenas de 3º de infantil e 1º de primaria. O primeiro grupo formado por 31 nenos e nenas de 3 a 4 anos estiveron dous días fóra das súas casas. Os cativos/as pasaron unha noite fóra do seu fogar. Marcharon o luns 27 de xuño pola mañá e volveron o martes 28 de xuño pola tarde.

O martes 28 de xuño saíu outro grupo de 57 nenos e nenas de 3º de infantil e 1º de primaria. Este grupo estivo na granxa colexio Fervenza da Toxa entre os días 28 e 30 de xuño. Neste campamento os nenos aprenderon a traballar en grupo coidando os animais da granxa e recollendo hortalizas e froitas na horta. Ademais participaron en diferentes obradoiros de repostaría e divertíronse con xogos, bailes e contos.

O albergue Os Biocos, situado na Serra de Trives, concretamente en San Xoán de Río, contou coa presenza de 82 pequenos e pequenas amienses. Este campamento ao igual que o da Fervenza da Toxa ofertouse en dúas quendas. Primeiro organizouse para os alumnos de 6º de Primaria e posteriormente para os rapaces e rapazas de 5º de Primaria. Os rapaces de sexto de Primaria acudiron do 18 ao 23 de xullo e os de quinto fixérono do 26 ao 31 de xullo.

Os rapaces e rapazas que acudiron a este campamento puideron coñecer máis polo miúdo o ceo e as estralas xa que nas instalacións dos Biocos hai un observatorio. Os cativos conseguiron converterse en verdadeiros expertos en astronomía grazas ás observacións nocturnas e diúrnas do firmamento, á construción de radiotelescopios e reloxos de sol e á análise da fotografía meteorolóxica. Porén, non todo tivo relación coa astroloxía. Os rapaces tamén realizaron outras actividades como a busca do tesouro con GPS, sendeirismo, piscina, tiro con arco e bicicleta de montaña.


Por outra banda, os rapaces e rapazas de 3º e 4º de Educación Primaria gozaron de 4 días de campamento, do 26 ao 29 de xullo, na granxa escola Kiriko, que se atopa na vila pontevedresa de Fornelos de Montes. A este campamento asistiron 102 rapaces e rapazas que participaron en diferentes actividades como tiro con arco, rocódromo, tobogán de auga, itinerarios ambientais, piragüismo, etc. Pero non todo foi xogar, tamén houbo espazo para a aprendizaxe e, por iso, os cativos e cativas encargáronse durante a súa estadía de cultivar legumes na horta e de coidar os animais da granxa escola. A burra Paloma, as aves, as cabras, as ovellas, os coellos salvaxes e mesmo un mapache estiveron rodeados dos coidados e do agarimo dos rapaces durante os tres días que estes estiveron na granxa escola Kiriko.

No campamento granxa escola dos Barreiros participaron 38 rapaces e rapazas que cursaron segundo de educación primaria. Trátase dunha das primeiras granxas escola de Galicia, situada na localidade lucense de Sarria, fundada nos anos 40 por Antonio Fernández López. Este campamento realizouse entre o 1 e o 3 de agosto. Aquí os rapaces e rapazas puideron coidar os animais da granxa-escola e participaron en obradoiros de teares e sobre o camiño de Santiago.

Para os mozos e mozas amiense preparouse un campamento nas lindes do Parque Natural de Cabárceno. Corenta mozas e mozos da ESO estiveron dez días, entre o 22 e o 31 de xullo, no campamento xuvenil en Cantabria. A rapazada amiense gozou de diversas formas de entretemento onde a natureza e o deporte constituíron valores fundamentais. Asemade, no campamento xuvenil de Cantabria, os mozos e mozas puideron realizar saídas e excursións ao parque de Cabárceno, aos Picos de Europa e coñeceron os lugares emblemáticos da Mariña lucense e de Xixón. Tamén participaron en actividades ambientais de orientación ou geocaching.


Balance positivo

Desde o Concello de Ames faise un balance moi positivo da estadía dos nenos/as nos campamentos de verán. Aínda que o tempo non acompañou, os rapaces e rapazas amienses pasárono moi ben durante os días que estiveron fóra das súas casas. A ilusión e as gañas de pasalo ben puido máis que o mal tempo. A través desta iniciativa preténdese que os nenos/as fagan novas amizades e creen novos lazos de compañeirismo. O obxectivo principal é que os nenos/as garden un grato recordo da súa infancia e que os bos hábitos que adquiren neste tipo de iniciativas os poñan en práctica no seu ámbito familiar.

Os nenos e nenas puideron realizar diferentes actividades ambientais como o coidado da horta e dos animais da granxa, orientación na natureza, astronomía, obradoiros de reciclaxe, elaboración de produtos artesanais, etc. Ademais participaron en diferentes xogos, tiro con arco, actividades de equitación, piragüismo, actividades de piscina, visitas culturais, festas temáticas e veladas nocturnas.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Los campamentos de Ames acogieron a unos 350 niños"
El Correo Gallego: "Oferta variada en Ames para unos campamentos de verano abarrotados"