Pestanas principais

2 días para prender as cacharelas de San Xoán en terreos privados

Luns, 21 de xuño de 2021

O martes 22 de xuño, ás 14.00 horas, remata o prazo para solicitar permiso para realizar cacharelas na noite de San Xoán en terreos privados. Poderase enviar o modelo de solicitude por email, na sede electrónica do Concello ou presencialmente nos rexistro xerais.

A tres días da festa de San Xoán, O Concello de Ames recorda que ste ano, debido á propagación da pandemia da Covid-19, non están permitidas as cacharelas ou sardiñadas en terreos públicos, e soamente será posible realizar cacharelas en terreos privados.

A pesar da situación provocada pola Covid-19, poderanse realizar cacharelas no ámbito privado sempre que se respecte o número máximo de persoas que se poidan reunir. Esta limitación estará ao disposto na normativa vixente reguladora da situación de emerxencia sanitaria ocasionada pola COVID en data 23 de xuño de 2021, así como das demais recomendacións establecidas polas autoridades sanitarias competentes.

Recórdase que a separación entre as cacharelas e os edificios e árbores será, como mínimo, de 20 metros. Poñerase especial coidado de non situalas debaixo de tendidos eléctricos ou telefónicos, así como de que nos arredores non exista ningún local no que se almacenen produtos inflamables nin vehículos. Ademais, prohíbese a queima de pneumáticos, plásticos, espumas de poliuretano, aceites, e en xeral calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico. En ningún caso se botarán ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión (sprais), aínda que estean baleiros.

Nas zonas urbanas o volume de combustible da cacharela non excederá os 2 metros de diámetro, e 6 metros de perímetro, nin os 3 de altura. Na zona rural, non excederá os 3 metros de diámetro, ou 9 metros de perímetro, nin os 3 metros de altura.

Os organizadores deberán coidar os arredores e coñecer os seguintes números de teléfono:
POLICÍA LOCAL: 619 767 575
PROTECCIÓN CIVIL DE AMES: 673 178 888

As persoas que desexen realizar unha cacharela e/ou sardiñada nesta data nun terreo privado deben presentar a solicitude correspondente por algunha das seguintes vías, antes do 22 de xuño ás 14.00 horas:

- Email: Enviando un correo electrónico, co modelo de solicitude ao enderezo rexistro@concellodeames.gal
-Rexistro telemático, a través da sede electrónica do Concello de Ames.
-Rexistro Xeral do Concello (Bertamiráns e Milladoiro) solicitando cita previa na sede electrónica.

Ao pé desta nova encontrarás o modelo de solicitude, así como o bando da alcaldía coas normas para cacharelas e sardiñadas.

cacharelas de San Xoán