Pestanas principais

297 nenos e nenas comezan un novo curso nas escolas infantís amienses

Venres, 02 de setembro de 2011

[02-09-2011] Chega o mes de setembro e un ano máis comeza un novo curso nas escolas infantís municipais para os nenos e nenas de 0 a 3 anos. Na actualidade o Concello de Ames conta con tres escolas infantís. Dúas delas, A Madalena e O Bosque, están xestionadas pola Administración local, mentres que a escola As Figueiras, inaugurada en maio de 2010, está xestionada pola Xunta de Galicia. Nestas tres escolas infantís aténdese a un total de 297 cativos e cativas. Na Escola Infantil Municipal do Bosque, en Bertamiráns, están matriculados 114 nenos/as, mentres que na Escola Infantil Municipal da Madalena, no Milladoiro, están matriculados 94 cativos/as. Na Escola Infantil das Figueiras están matriculados 89 nenos/as. Ademais, o goberno municipal está traballando para que se constrúa unha nova escola infantil en Bertamiráns. A proposta do actual goberno é situar a nova gardaría na contorna do paseo fluvial do Sar nunha parcela afectada por unha modificación urbanística do plan parcial Rego dos Pasos Sur, ratificada no pasado pleno do mes de xullo.

Berros,choros e algún que outro sorriso foi o que se puido escoitar esta mañá nas escolas infantís de Ames. Hoxe botou a andar un novo curso nas escolas municipais do Bosque, en Bertamiráns, e A Madalena, no Milladoiro. Tamén comezou na Escola Infantil As Figueiras que está xestionada directamente pola Xunta de Galicia. As tres escolas infantís acollen 297 nenos e nenas. Estes centros permanecen abertos todo o ano. O horario da gardaría do Bosque, en Bertamiráns, é das 7:30 h. ás 20:15 horas. A escola infantil municipal da Madalena, no Milladoiro, tamén abre ás 7:30 h e non pecha ata as 21:00 horas. Nos tres centros ofrécese servizo de almorzo, xantar e merenda.

A Escola Infantil Municipal do Bosque é a máis antiga do concello. Para o curso 2011/12 neste centro están matriculados 114 nenos e nenas de 0 a 3 anos. O alumnado está repartido en dúas aulas de 0 a 1 anos nas que se atende a un total de 16 nenos/as; tres aulas de 1 a 2 anos nas hai 39 cativos/as e outras tres aulas de 2 a 3 anos nas que están repartidos 59 nenos/as. A ratio establecida para cada unidade é de 20 cativos para as aulas de 2 a 3 anos; 13 nenos/as para as aulas de 1 a 2 anos e 8 cativos para as aulas de 0 a 1 anos. Deste xeito, préstase servizo a un total de 114 nenos e nenas.

Por outra banda, a Escola Infantil Municipal lA Madalena do Milladoiro acolle a un total de 94 nenos e nenas. Igual que en Bertamiráns, o alumnado está distribuído en distintas aulas dependendo da súa idade. Deste xeito hai unha aula de 0 a 1 anos na que están matriculados 8 nenos/as; dúas aulas de 1 a 2 anos na que se presta servizo a 13 nenos/as en cada unidade e tres aulas de 2 a 3 anos na que hai un total de 60 nenos/as matriculados (20 por unidade). En cada unha das unidades resérvanse varias prazas para casos de emerxencia social.

A estas dúas escolas municipais hai que sumarlle a Escola Infantil As Figueiras que comezou a funcionar en maio de 2010 e que está xestionada pola Consellaría de Traballo e Benestar. Neste centro hai 89 nenos e nenas matriculados. En total hai sete unidades. Dúas de 0 a 1 anos que albergan a 15 cativos; dúas de 1 a 2 anos nas que están matriculados 25 nenos e nenas e tres aulas de 2 a 3 anos nas se atenden a 48 cativos/as. En cada unha das unidades resérvanse prazas para casos de emerxencia social.


Incremento poboacional

As prazas que ofrecen as tres escolas infantís que hai en Ames non son suficientes debido ao incremento poboacional que se está experimentando o concello. Na actualidade están censados no municipio amiense 1.467 nenos e nenas menores de tres anos. A pesar de dispor de tres escolas infantís, cómpre construír unha máis na zona norte do municipio para atender a poboación infantil que reside na contorna de Bertamiráns.

O Concello de Ames buscou unha nova localización para a que será a segunda escola infantil de Bertamiráns. A proposta do goberno municipal é situar a nova gardaría na contorna do paseo fluvial do Sar, nunha parcela afectada por unha modificación urbanística do plan parcial Rego dos Pasos Sur, que foi ratificada no pasado pleno do mes de xullo. A proposta aínda non é definitiva, pois deberá ser revisada pola Xunta de Galicia. Con todo, o goberno local confía na súa viabilidade. O actual goberno considera que a localización elixida é máis adecuada que a que propoñía o anterior goberno xa que a superficie reservada é maior e ademais é unha zona céntrica e e de fácil acceso.