Pestanas principais

280 nenos e nenas participan no Xuño lúdico

Venres, 24 de xuño de 2011

[24-06-2011] O Concello de Ames organiza por oitavo ano consecutivo o programa de conciliación laboral e familiar, Xuño lúdico. Este programa está dirixido aos nenos e nenas empadroados no Concello de Ames e que cursaron segundo ciclo de educación infantil ou educación primaria. O servizo desenvolverase durante os días 23, 27, 28, 29 e 30 de xuño para cubrir as xornadas que restan entre o remate do curso escolar e o inicio da Escola de Verán. O programa ofrece servizo de comedor con almorzo e xantar nas dúas localidades. Durante o primeiro día tiveron lugar a recepción e a distribución dos nenos/as en varios grupos. Tras as correspondentes presentacións realizáronse varios xogos para romper a dinámica de traballo e estudo dos últimos días de clase.

O verán é unha época para pasalo ben, sobre todo para os cativos e cativas, pois teñen tres meses enteiros libres. Moitos pais e nais non contan coa mesma sorte, e as súas obrigas laborais fan máis difícil conciliar o traballo co coidado dos seus fillos e fillas. Para axudar a estas familias, o Concello de Ames puxo en marcha o Xuño Lúdico, unha iniciativa na que se lles ofrecen actividades lúdicas e educativas a uns 280 rapaces e rapazas mentres os seus pais e nais traballan.

Este programa está dirixido aos nenos e nenas que este ano cursaron estudos de educación infantil ou educación primaria. Con este servizo preténdese ofrecer unha alternativa que, ademais de ocupar o tempo de lecer dun xeito divertido e educativo na época de vacacións escolares, permita ás nais e pais conciliar a vida laboral e familiar. Estas actividades desenvólvense durante os días 23, 27, 28, 29 e 30 de xuño, dende as 07:30 h. ata as 16:00 horas.

O Xuño Lúdico enmárcase dentro dos programas de conciliación da vida laboral e familiar que pon en marcha o Concello de Ames ao longo de todo o ano. Os programas desenvolveranse en Bertamiráns e no Milladoiro nos locais habilitados polo Concello. En Bertamiráns, as actividades serán para todos os cativos e durante todos os horarios no pavillón polideportivo, mentres que no Milladoiro lévanse a cabo na Escola de Educación Infantil do Milladoiro e no pavillón polideportivo. En Bertamiráns participan 120 nenos e nenas e no Milladoiro acoden a este servizo un total de 160 rapaces e rapazas.

Durante estes cinco días os cativos/as poderán gozar con xogos ao aire libre para romper coa dinámica de traballo que mantiveron durante os últimos días de curso. Os rapaces e rapazas de Bertamiráns teñen a axenda repleta de xogos e actividades. Os xogos e obradoiros que se realizarán en Bertamiráns xirarán arredor de tres grandes temas: os bosques, o risco de incendio e a chegada do verán. Deste xeito. os cativos realizarán monicreques, árbores de papel, broches coa figura dun moucho, crebacabezas sobre os bosques, etc. Ademais participarán en diversos xogos relacionados cos bosques e o verán.

Os nenos e nenas que participan no Xuño Lúdico no Milladoiro están divididos en dúas zonas; na Escolade Eucación Infantil do Milladoiro e no pavillón polideportivo. Na EEI Milladoiro están os nenos e nenas de 3 a 6 anos. As actividades que teñen preparadas para este grupo están relacionadas coa temática do San Xoán. Así, durante a primeira xornada souberon máis sobre as tradicións e lendas que están relacionadas co San Xoán. Ademais prepararon a auga de rosas para lavar a cara na mañá do día 24 de xuño. Ao longo da próxima semana haberá varias sesións de contacontos. As actividades e obradoiros que realizarán os cativos estarán relacionadas coa temática que se trate en cada un dos contacontos. Así, farán un gorro dunha bruxa e unha fada articulada. Tamén haberá xogos populares para que os nenos pasen uns días entretidos.

Por outra banda, no pavillón polideportivo do Milladoiro están os nenos e nenas de 6 a 12 anos. As actividades e obradoiros deste grupo tamén xirarán arredor da noite de San Xoán. Durante a primeira xornada coñecerán o que simboliza o lume ou a auga na noite máis curta do ano e as personaxes históricas de San Xoán. Na vindeira semana participaran en xogos relacionados con esta mesma temática, así como nun concurso de conxuros máxicos.