- Tematica
A Casa do Concello, en Bertamiráns, acolleu está mañá o sorteo de premios para coñecer os equipos premiados na primeira edición da Xincana Xove, organizada polo Concello de Ames a través da Concellería de Xuventude e a XEA (Xuntanza de Empresarios de Ames). O obxectivo desta actividade, dirixida a mozos e mozas de entre 14 e 30 anos de calquera concello de Galicia, era que a mocidade explorara e coñecera o municipio de xeito participativo e divertido. Participaron un total de 27 equipos formados por 81 mozas/mozos. Os premio serán entregados o 31 de decembro pola mañá na praza do Concello durante as Prebadaladas de Nadal.
Esta mañá, ás 12:00 horas, celebrouse na Casa do Concello o sorteo de premios para coñecer os equipos premiados na primeira edición da Xincana Xove. No acto estiveron presentes a concelleira de Mocidade, Carmen Porto; o presidente da Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), Jorge López; e a técnica municipal do departamento de Mocidade, Pilar Villaverde.
Os 27 equipos participantes tiveron que resolver 20 retos sobre distintos establecementos e lugares de Ames. A temática da xincana xirou arredor de Ames: a súa historia, a súa riqueza natural e patrimonial, e o seu comercio local, incluíndo desafíos relacionados con estas áreas. Outro dos puntos fortes desta xincana é a súa vinculación co comercio local, pois contou coa colaboración da Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA). Os distintos retos levaron aos participantes a visitar o comercio local. Había que participar en equipo, que debían estar formados por 3 mozos/as entre os 14 e os 30 anos.
Durante o sorteo, Carmen Porto, concelleira de Mocidade, e Jorge López, presidente de XEA, agradeceron á mocidade a súa participación e implicación na iniciativa e felicitaron aos tres equipos gañadores. Nesta primeira edición inscribíronse un total de 27 equipos, aínda que 5 quedaron descualificados por non cumprir con todas as normas. Os premios quedaron repartidos do seguinte xeito: o primeiro premio para o equipo 16, o segundo para o equipo 19, e o terceiro premio para o equipo 20.
A concelleira de Mocidade, Carmen Porto, mostrouse “satisfeita coa participación xa que preto de 30 equipos participaron nesta primeira edición. Esta iniciativa pretendía implicar aos mozos para que descubrisen o noso concello e creo que cumprimos co obxectivo marcado”.
Premios da Xincana Xove
Os premios aos que optaron os participantes da xincana foron: un primeiro premio de tres iPhone 12, un segundo premio de tres Apple Airpods, e un terceiro premio con tres vales de 80€ para compras en establecementos do comercio local de Ames.
Entregaranse o 31 de decembro pola mañá na Praza do Concello durante as Prebadaladas de Nadal. Ao acto terán que acudir os premiados e, en caso de ser menores, os seus representantes legais. En caso de non poder acudir, deberán designar/autorizar a outra persoa a recoller o premio no seu nome coa suficiente antelación.