Pestanas principais

259 alumnos e alumnas participan nas actividades da Aula da Natureza no segundo trimestre escolar

Sábado, 26 de marzo de 2016

[26-03-2016] Ao longo do segundo trimestre escolar 259 nenas e nenos dos centros educativos amesáns participaron en actividades ou obradoiros organizados pola Aula da Natureza de Ames. Na programación educativa da Aula participaron tanto o alumnado de Educación Infantil como o de Educación Primaria e o de Secundaria. A programación reanudarase tralas vacacións de Semana Santa.

Unha das últimas actividades organizadas pola Aula da Natureza, xa próximo a finalizar o segundo trimestre, levou aos alumnos e alumnas do IES de Ames, en Bertamiráns, ás instalacións do Parque Eólico Experimental de Sotavento en Xermade, na provincia de Lugo. A Fundación Sotavento Galicia, responsable do parque eólico, imparte nel obradoiros e charlas relacionadas co estudo das enerxías renovables, o aforro e a eficiencia enerxética e a interrelación destes ámbitos coa problemática medio ambienta.. Durante a visita o alumnado do IES de Ames profundizou nos seus coñecementos sobre os procesos de xeración e acumulación de varios tipos de enerxías. Na casa interactiva do parque eólico rapaces e rapazas observaron distintos xeitos de aforrar luz e auga, descubriron algúns dos principios básicos da bioconstrucción e fixéronse máis conscientes da importancia do aproveitamento do entorno na construción de edificacións.

Depois do xantar en Sotavento, aproveitando a coincidencia das datas coa conmemoración do Día Internacional dos Humedais, a excursión trasladouse a Área Recreativa dos Sete Muiños, situada en Guitiriz. A área sitúase ás beiras do río Forxá, un entorno de vexetación autóctona de ribeira, cunha piscina natural, sendeiros, pontes...

Por outra banda, os alumnos e alumnas de 3º de Educación Primaria do CEIP Agro do Muíño viaxaron até a praia da Aguieira, na que realizaron unha intermareal. Aprenderon a diferencias as zonas da praia, dependendo de onde chega a pleamar e a onde a baixamar. Falaron da formación das dunas, do traballo do vento e das aves que crían aos seus poliños facendo niños na area. Nenas e nenos recolleron cunchas, algas, caparazós e outros elementos que quedan na area trala retirada no mar. Tras unha breve merenda o alumnado catalogou todo o recollido, tralo cal se fixo unha exposición explicando as mostras que atoparan pola praia. O alumnado do CEIP de Barouta tamén realizará esta excursión no mes de abril.

Os alumnos de 2º curso de Educación Primaria do CEIP A Maía participaron na actividade “Botánica para todos”, na que profundaron o estudado nas clases de Ciencias da Natureza. Aprenderon a diferencias carrizos e fentos, arbustos e tipos de herbas. Rapaces e rapazas tiveron que medir as raíces das plantas, comparándoas coa súa parte aérea. O alumnado aprendeu sobre a forma a través da cal as plantas obteñen os seus nutrientes, como extraen do medio o necesario para vivir. O curso axudoulles a comprender un pouco mellor a función das flores, así como o seu proceso de fecundación e o propósito que teñen os froitos na reprodución da flora.

Tras un descanso para a merenda alumnos e alumnas pasearon preto do bordo do rego Quintán, onde se achegaron aos xuncos, descubriron plantas medicinais e os trucos para recoñecer as principais árbores da contorna.

Actividades escolares do último semestre na Aula da Natureza
Tralas vacacións de Semana Santa retornan as actividades escolares da Aula da Natureza. A chegada do bo tempo invita a a facer máis excursións e saídas á natureza. Os alumnos e alumnas do CEIP da Maía, e tamén os do CEIP Agro do Muíño, realizarán tramos da Ruta de Riamonte. Este percorrido segue o trazado natural que marca o río do mesmo nome, en cuxas beiras foron construídos dez muíños. O muíño será ademais o protagonista doutras das actividades que organiza a Aula da Natureza para os centros escolares. Nenos e nenas do CEIP A Maía e de Agro do Muíño participarán nunha muiñada e aprenderán como se moía o gran.

Ademais doutras actividades; unha observación solar, outra visita á praia de Aguieira ou á galería do río Tambre na parroquia de Agrón, ambos centros escolares rematarán o curso coa celebración da feira do Sol no mes de xuño.

Contido relacionado


El Correo Gallego:"Formación medioambiental para 260 alumnos dende a aula da natureza amesá"
La Voz de Galicia:" Más de 250 alumnos participaron en el Aula da Natureza"