A Concellaría de Deportes, en colaboración co Club Deportivo Karate Ames, organizou un curso de defensa persoal feminina. Esta actividade impartiuse no ximnasio do pavillón municipal de Bertamiráns e tivo moi boa acollida entre a veciñanza amesá. Un total de 23 mulleres participaron na actividade, e aínda quedaron outras 15 persoas en lista de agarda, polo que se repetirá o curso. A data na que se impartirá novamente dito curso aínda está por determinar.
Por segundo ano consecutivo o Concello de Ames organizou un curso de defensa persoal feminina que foi impartido por persoal do Club Deportivo Karate Ames. En primeiro lugar, impartiuse unha breve parte teórica na que se deron unha serie de consellos para evitar posibles situacións de risco. Tamén se falou de cuestións legais, pero a parte máis extensa foi a práctica. Deste xeito impartíronse unha serie de técnicas moi sinxelas para tratar de defenderse ante unha ameaza ou agresión.
O persoal do Club Deportivo Karate Ames aconsellou as participantes sobre como teñen que actuar se as agarran por diante, por detrás ou se teñen que enfrontarse a outras situacións. Tamén se incidiu no importante que é manter a calma nese momento, algo que é moi difícil pero que é determinante para poder executar as técnicas aprendidas de xeito correcto.
Deste xeito, dende este club amesán achegan a súa colaboración para impartir este curso de defensa, que tivo moi boa resposta por parte da veciñanza e no que participaron 23 mulleres. Debido a que quedaron outras 15 persoas en lista de agarda vaise a repetir o curso. A data na que se impartirá novamente dito curso aínda está por determinar.





