[23-05-2016] Os 22 alumnos e alumnas do curso de monitor de tempo libre xa completaron a súa formación teórica. Os mozos e mozas, que aprenderon da man dos formadores da Escola Rural de Tempo Libre, teñen até dous anos para completar o curso, organizado pola OMIX amesá, coa realización de prácticas. Algúns deles e delas poderán facelo no propio concello de Ames, participando nos campamentos de verán ou mesmo na Escola de Verán.
A primeira parte deste curso, cuxa primeira clase tivo lugar a terceira fin de semana de marzo, rematou esta semana. As clases impartíronse no Centro de Formación de Aldea Nova, a onde o alumnado acudiu ao longo de vinte xornadas, de dez horas cada unha, para adquirir coñecementos relacionados con ámbitos como a animación deportiva, a psicoloxía, a educación ambiental, o xogo ou recursos socioculturais. Agora teñen 15 días para preparar unha serie de ficheiros que teñen que entregar antes do verán, formalizando así o remate da súa aprendizaxe teórica.
O segundo bloque do curso desenvolverase fora das aulas; consiste en 150 horas de prácticas en actividades de tempo libre, a realizar sempre baixo a supervisión dun titor ou dunha titora. As prácticas pódense realizar ao longo dos dous anos seguintes á obtención do título de monitor/a. Algunha das actividades municipais onde o alumnado pode realizar prácticas será a Escola de Verán do Concello, ou os campamentos de verán. Tamén se ofrece a posibilidade de facelas noutras entidades, como os campamentos da campaña de verán da Xunta de Galicia ou empresas de ocio e tempo libre.
Cursos como este buscan aumentar a formación e abrir portas mercado laboral, especialmente ao colectivo máis novo. A formación en monitor/a de tempo libre trata de capacitar ao alumnado para a organización de actividades para o tempo libre ou socioculturais, pensadas para a infancia, a mocidade, ás persoas maiores ou a persoas con necesidades especiais.




