Pestanas principais

216 nenos/as reciben un agasallo grazas á campaña de recollida de xoguetes para o Nadal

Mércores, 04 de xaneiro de 2012

[04-01-2012] Esta semana repartíronse todos os agasallos que se xuntaron grazas á campaña de recollida de xoguetes para o Nadal, que organizou o Concello de Ames en colaboración co Bertamiráns Fútbol Club e a Asociación Barricas Folk Rock do Milladoiro. A entrega dos agasallos ás familias realizouse o día 3 de xaneiro na Casa da Cultura de Bertamiráns e o día 4 na casa da Cultura do Milladoiro. Un total de 140 familias disporán dun agasallo para poder entregárllelo aos seus fillos/as o día de Reis. A través desta campaña preténdese que os cativos de familias con menos recursos poidan gozar tamén dun agasallo durante as festas do Nadal.


A Concellaría de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, a través da Oficina do Voluntariado do Concello de Ames (OVA), puxo en marcha a campaña de recollida de xoguetes para o Nadal co lema "En Ames todos/as xogamos". O principal obxectivo desta campaña era recoller un gran número de xoguetes para entregar entre a poboación máis necesitada do concello e sensibilizar a xente de que doar un xoguete non consiste en dar caridade, baleirar armarios ou reciclar obxectos que nos molestan na casa, senón que hai que poñer un pouco de xustiza e ofrecer solidariedade e xenerosidade de balde.

Por segundo ano consecutivo sumouse a esta iniciativa o Bertamiráns Fútbol Club, que desenvolveu a súa propia campaña de recollida de xoguetes e roupa. Posteriormente, o Bertamiráns FC entregoulle o material recollido ao Concello para que este se encargase de repartilo entre as familias máis necesitadas. Este ano, a Oficina de Voluntariado de Ames, tamén contou coa colaboración da Asociación Barricas Folk Rock do Milladoiro, que recolleu os seus propios xoguetes para posteriormente entregarllos ao Concello.

Nesta ocasión conseguíronse reunir un gran número xoguetes que foron repartidos entre 216 nenos e nenas de Ames. Todos os xoguetes recibidos foron seleccionados, clasificados, empaquetados e distribuídos por persoas voluntarias que se sumaron e esta causa solidaria. Cinco voluntario/as encargáronse de seleccionar os xoguetes e empaquétanos con papel de agasallo. Nestas tarefas tamén colaborou o persoal das bibliotecas municipais. A través desta iniciativa, as familias con menos recursos puideron proporcionarlles aos seus fillos un xoguete nesta época tan especial para todos os cativos.

Hai que destacar a colaboración da veciñanza amiense xa que algúns destes xoguetes eran novos e mercados expresamente para este reparto entre os nenos desfavorecidos. A entrega de agasallos ás familias realizouse o día 3 de xaneiro na Casa da Cultura de Bertamiráns e o día 4 na casa da Cultura do Milladoiro. Finalmente, os agasallos acabarán o 6 de xaneiro baixo a árbore de Nadal de máis de 200 rapaces e rapazas que debido aos seus diversos problemas son usuarios/as frecuentes dos servizos sociais do Concello e contan cun seguimento persoal por parte destes servizos.