[23-03-2011] A península do Barbanza será o destino da próxima visita organizada dentro do programa "Coñecendo o país", que a Concellería de Cultura pon en marcha anualmente para ofrecer á veciñanza de Ames a posibilidade de coñecer o encanto da xeografía galega e a beleza das súas vilas e comarcas tanto na costa coma no interior do país. O 26 de marzo 200 veciños e veciñas do concello viaxarán ata o Barbanza para gozar dunha xornada lúdica na que poderán coñecer máis sobre a historia e o patrimonio de Ribeira, Noia ou a Pobra do Caramiñal. Durante o ano pasado, organizáronse tres excursións, nas que participaron máis de 700 as persoas.
A veciñanza de Ames ten a oportunidade de coñecer este sábado, día 26 de marzo, a riqueza paisaxística e natural da península do Barbanza. O Concello de Ames levará a cabo ese día a primeira saída das tres que prepara anualmente dentro do programa "Coñecendo o país".
A través destas excusións as persoas que estean empadroadas en Ames teñen a posibilidade de coñecer o encanto da nosa xeografía e a beleza das paisaxes e as vilas de Galicia. As persoas participantes nesta primeira visita poderán admirar o Barbanza desde múltiples lugares da península, coma o miradoiro da pedra da Ra, o parque de San Roque ou a Curota.
A excursión comezará ás 9:00 horas da mañá do sábado 26 coa saída desde Bertamiráns e desde o Milladoiro. A chegada a Ribeira, con tempo libre para almorzar, está prevista ás 10:00 horas. Ás 10:30 h. comezarán as visitas rotativas por Ribeira, polo miradoiro da Pedra da Rá, polo Dolmen de Axeitos e polo Parque Natural de Corrubedo. Catro autobuses trasladarán aos 200 amienses ata a península do Barbanza.
Rematadas as visitas da mañá, ás 13:30 h. sairase para o Restaurante Hotel Oca-Río Azor, onde ás 14:00 horas terá lugar o xantar. Ás 16:00 h. a excursión sairá para a Pobra do Caramiñal, onde os participantes poderán dar un paseo, e ás 17:00 h. subirase ata o monte da Curota, un dos mellores miradoiros das Rías Baixas. Ás 18:00 horas o grupo dirixirase a Noia, onde ás 19:00 h. visitará o seu fermoso casco histórico. Ás 20:00 h. deixarase tempo libre aos participantes na excursión e as 20:30 h. terá lugar a saída de volta a Ames, onde se chegará ás 21:00 horas.
As excursións organizadas pola Concellaría de Cultura baixo o programa "Coñecendo o país" gozan historicamente dun grande éxito no Concello. En 2010, realizáronse tres saídas, nas que participaron máis de 700 persoas. Deste xeito, o ano pasado os amienses visitaron as localidades de Cea, Oseira e Ourense na primeira saída, Pedrafita do Cebreiro e Samos na segunda e Celanova e Allariz na terceira e última excursión.




