Pestanas principais

20 persoas fixeron o Curso de Dinamización de eventos infantís organizado pola OMIX

Martes, 08 de novembro de 2016

[08-11-2016] O curso desenvolveuse o sábado pasado en Aldea Nova. Durante 10 horas os participantes recibiron formación en materias de animación de grupos, globoflexia, maquillaxe e teatro. A meirande parte do alumnado foron monitores e monitoras que querían complementar a súa formación. Porén tamén realizaron o obradoiro algúns pais e algunhas nais interesados en coñecer recursos e ferramentas que lles axuden na crianza dos seus fillos e fillas. Unha ampla lista de garda da mostra da acollida que este curso tivo entre a poboación amesán.

É a terceira vez que a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) organiza este curso. As dúas edicións anteriores leváronse a cabo o ano pasado co mesmo éxito de participación. O curso, que se imparte gratuitamente a maiores de 18 anos, dura dez horas e ofrece recursos e ferramentas para poder desenvolver actividades de entretemento e dinamización infantil.

Os/as asistentes ao curso recibiron formación e materias como maquillaxe, globoflexia xigante para decoración, globoflexia infantil, teatro e animación de eventos. Os coñecementos adquiridos permitirán aos alumnos e alumnas animar festas de cumpreanos, vodas, comuñons e calquera tipo de eventos que teñan como obxectivo entreter e animar a grupos de nenas e nenos.

Todo o alumnado que fixo o curso recibirá un certificado de asistencia.