Pestanas principais

20 amienses aprenderon a manexar o Microsoft Excel na Aula de Informática do Milladoiro

Sábado, 04 de xuño de 2011

[04-06-2011] Esta semana rematou o curso de iniciación ás follas de cálculo de Microsoft Excel, que se impartiu ao longo de todo o mes de maio na aula de informática do Milladoiro. Neste curso participaron 20 persoas, que aprenderon o funcionamento básico das follas de cálculo de Excel, en dúas quendas, unha de mañá, de 10:00 h. a 12:00 horas, e outra de tarde, de 19:00 h. a 21:00 horas. Para o mes de xuño está previsto que se desenvolva un obradoiro para aprender a facer presentacións de diferentes contidos. Ademais na aula de informática desta localidade séguense desenvolvendo as actividades de aula aberta. O concelleiro de Cultura en funcións, Francisco Villaverde, foi o encargado de entregar os diplomas que acreditan o correcto aproveitamento deste curso.

A aula de informática do Milladoiro, situada na Casa da Cultura desta localidade, está desenvolvendo diferentes actividades dentro da programación de primavera. Dentro desta programación estaba incluído un curso de iniciación ás follas de cálculo de Microsoft Excel, que se impartiu ao longo do mes de maio na aula de informática do Milladoiro. Nel, 20 amienses aprenderon a utilizar as follas de cálculo deste coñecido programa.

Esta actividade estivo organizada en dúas quendas, unha de mañá, de 10:00 h. a 12:00 horas, e outra de tarde, de 19:00 h. a 21:00 horas, para facilitar a asistencia ao mesmo do maior número de persoas posible. Os asistentes realizaron diversas actividades coa finalidade de practicar e familiarizarse con este programa tan coñecido e tan necesario na actualidade á hora de ocupar un posto de traballo. Os usuarios/as que asistiron a este curso completaron un total de 40 horas.

A través do manexo deste programa os usuarios poden crear facturas, follas de balance, control de gastos, ou levar o estado das contas, axudando así a controlar a economía dun fogar ou dunha empresa. Os participantes no curso tamén aprenderon a desprazarse por unha folla de cálculo, cambiar o formato, a personalización das celas, configuración de páxinas e a introdución ás diferentes formulas existentes.

Para o mes de xuño, entre o día 6 e o 10, está previsto que se realice un obradoiro para aprender a realizar presentacións. Esta actividade está dirixida aos rapaces e rapazas de entre 8 e 12 anos, que recibirán clases de iniciación ás ferramentas destinadas á realización de presentación de contidos. A duración total deste obradoiro será de 5 horas e desenvolverase en horario de 16:30 h. a 17:30 horas da tarde. A matrícula é totalmente gratuíta.

Outras actividades
A aula de informática pon a disposición dos usuarios/as da sala varios programas de mecanografía. Os interesados en aprender a escribir con soltura nun teclado dun computador deben dirixirse á responsable da aula que lle informará ao respecto. Ademais, para resolver calquera outra dúbida ou pregunta, poden comunicarse a través do teléfono 981 535 940 ou enviar un correo electrónico.

Todas estas actividades e obradoiros realízanse co obxectivo de fomentar o acceso ás novas tecnoloxías de todos e todas as persoas que o desexen e que non tiveron a oportunidade de facelo.