Pestanas principais

20 amienses aprenden a manexar o Microsoft Excel na Aula de Informática do Milladoiro

Xoves, 05 de maio de 2011

[05-05-2011] Esta semana deu comezo un novo curso de iniciación ás follas de cálculo de Microsoft Excel na aula de informática do Milladoiro. Neste curso, que rematará o 30 de maio, participan 20 persoas que están aprendendo o funcionamento básico das follas de cálculo de Excel en dúas quendas, unha de mañá, de 10:00 h. a 12:00 horas, e outra de tarde, de 19:00 h. a 21:00 horas. Para o mes de xuño está previsto que se desenvolva un obradoiro para aprender a facer presentacións de diferentes contidos. Ademais na aula de informática desta localidade séguense desenvolvendo diversas actividades. Deste xeito, estase realizando un obradoiro de informática para os usuarios/as da Escola de Maiores, que se desenvolven todos os venres durante unha hora.

A aula de informática do Milladoiro, situada na Casa da Cultura desta localidade, está desenvolvendo diferentes actividades dentro da programación de primavera. Dentro desta programación está incluído un curso de iniciación ás follas de cálculo de Microsoft Excel, que se está impartindo dende comezos desta semana na aula de informática do Milladoiro. Nel, 20 amienses irán aprendendo ao longo destas sesións como utilizar as follas de cálculo deste coñecido programa.

Esta actividade, que se prolongará ata o vindeiro 30 de maio, está organizada en dúas quendas, unha de mañá, de 10:00 h. a 12:00 horas, e outra de tarde, de 19:00 h. a 21:00 horas, para facilitar a asistencia ao mesmo do maior número de persoas posible. Os asistentes realizarán diversas actividades coa finalidade de practicar e familiarizarse con este programa tan coñecido e tan necesario na actualidade á hora de ocupar un posto de traballo. Os usuarios/as que asisten a este curso completarán un total de 40 horas.

A través do manexo deste programa os usuarios poden crear facturas, follas de balance, control de gastos, ou levar o estado das contas, axudando así a controlar a economía dun fogar ou dunha empresa. A primeira unidade que se está impartindo esta semana é a introdución a Microsoft Excel. Os participantes no curso tamén aprenderán a desprazarse por unha folla de cálculo, cambiar o formato, a personalización das celas, configuración de páxinas e a introdución ás diferentes formulas existentes.

Para o mes de xuño, entre o día 6 e o 10, está previsto que se realice un obradoiro para aprender a realizar presentacións. Esta actividade está dirixida aos rapaces e rapazas de entre 8 e 12 anos, que recibirán clases de iniciación ás ferramentas destinadas á realización de presentación de contidos. A duración total deste obradoiro será de 5 horas e desenvolverase en horario de 16:30 h. a 17:30 horas da tarde. A matrícula é totalmente gratuíta.

Outras actividades

A aula de informática pon a disposición dos usuarios/as da sala varios programas de mecanografía. Os interesados en aprender a escribir con soltura nun teclado dun computador deben dirixirse á responsable da aula que lle informará ao respecto. Ademais, para resolver calquera outra dúbida ou pregunta, poden comunicarse a través do teléfono 981 535 940 ou enviar un correo electrónico.

Todas estas actividades e obradoiros realízanse co obxectivo de fomentar o acceso as novas tecnoloxías de todos e todas as persoas que o desexen e que non tiveron a oportunidade de facelo.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Un curso de Microsoft Excel para 20 amienses"