Pestanas principais

20 alumnos/as-traballadores/as fórmanse na especialidade de repoboación forestais e tratamentos silvícolas no obradoiro de emprego “CreAs”

Martes, 15 de xaneiro de 2019

[15-01-2019] Esta mañá a concelleira de Promoción Económica do Concello de Ames, Isabel González; a concelleira de Desenvolvemento Económico, Marta Lois; e o concelleiro de Medio Rural, Rafael Peña, do Concello de Santiago de Compostela, participaron nunha visita ao monte Pedra Castro, situado na parroquia de Santa Cristina de Fecha, onde un grupo de 20 alumnos/as-traballadores/as (6 de Ames e 14 de Santiago) están participando no obradoiro de emprego “CreAs”, posto en marcha entre ambos Concellos no pasado mes de novembro. Os/as participantes estanse formando nas especialidades de repoboación forestais e tratamentos silvícolas; e de pavimentos e albanelería de urbanización.


Apertura e mantemento de vías forestais
Asemade, a práctica laboral permitiría realizar en Ames a apertura e mantemento de vías forestais. Neste caso priorizaranse aqueles camiños que teñen unha maior necesidade de xestión da biomasa tendo en conta o Plan municipal de prevención de incendios forestais. En Santiago de Compostela tamén se realizarán traballos de urbanización e mellora medioambiental no Polígono do Tambre.

A concelleira de Desenvolvemento Económico do Concello de Santiago, Marta Lois, puxo en valor “o traballo e a formación impartida a través deste obradoiro, pero tamén a recuperación de espazos de alto valor ambiental de Santiago de Compostela como é o monte Pedra Castro. Agardamos que estes traballos sirvan de referencia como unha boa práctica do coidado do monte. Por iso temos que agradecervos o traballo que estades facendo porque a recuperación deste monte é grazas a vós”.

O concelleiro de Medio Rural de Santiago de Compostela, Rafael Peña, dixo que “este é un espazo estratéxico para o Concello de Santiago, que limita cos concellos de Ames e Val do Dubra. A través desta iniciativa trátase de ordenar o terreo forestal para evitar que haxa lumes no monte como o que houbo hai tres anos moi preto de aquí na zona do Bachao. Agardamos que actuacións como esta sirvan de exemplo para que os particulares acometan tamén a reforestación das súas fincas utilizando árbores autóctonas, no canto de eucaliptos”.

Os Concellos de Ames e Santiago de Compostela puxeron en marcha no pasado mes de novembro o obradoiro de emprego “CreAs”, que contempla a formación de 20 alumnos/as-traballadores/as (6 de Ames e 14 de Santiago) nas especialidades de repoboacións forestais e tratamentos silvícolas; e de pavimentos e albanelería de urbanización. Este obradoiro terá unha duración de 9 meses, polo que rematará a mediados do vindeiro mes de agosto. Para a impartición de dito obradoiro tamén se conta con persoal directivo, docente e de apoio.

Para o desenvolvemento do obradoiro de emprego “CreAs” cóntase cunha subvención de 287.937 euros da Consellería de Economía, Emprego e Industria, en base á convocatoria de subvencións para os obradoiros de emprego duais. O orzamento total do proxecto é de 357.797 euros, polo que os Concellos de Ames e Santiago achegan a diferencia. Ames achegou 9.860 euros e Santiago 60.000 euros.

Este obradoiro comezou o pasado 12 de novembro. En primeiro lugar, os e as participantes recibiron formación teórica. A finais de decembro comezaron coa parte práctica laboral. Deste xeito, estase actuando no monte Pedra Castro, situado na parroquia de Santa Cristina de Fecha. Así, estanse a mellorar as condicións actuais do monte, mediante a reforestación dunha superficie de algo máis de 11 hectáreas. Para iso empréganse 4.000 árbores frondosas autóctonas galegas, como carballos, sobreiras ou bidueiros. Ademais, o alumnado do obradoiro de emprego está a realizar traballos de limpeza, roza e poda de árbores existentes.

A concelleira de Promoción Económica do Concello de Ames, Isabel González, destacou “a recuperación que se está facendo dun espazo de tanta riqueza ambiental como é o monte Pedra Castro. O traballo en Ames será distinto porque realizarase a limpeza de distintos viarios forestais. Tamén hai que poñer en valor o traballo feito conxunto feito polos Concellos de Ames e Santiago de Compostela para poñer este tipo de obradoiros que combinan formación teórica e práctica laboral. Agardamos que este obradoiro vos serva para unha vez rematado, poidades acceder ao mercado laboral”.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Alumnos de un taller de empleo recuperan una finca municipal en Fecha"
Lindeiros: "Alumnos de Ames e Compostela recuperan a finca de Pedra Castro no obradoiro de emprego CREAS"