Pestanas principais

152 vertodoiros incontrolados foron eliminados pola Brigada Medioambiental no ano 2010

Xoves, 13 de xaneiro de 2011

[13-01-2011] Colaboran na prevención e extinción dos incendios forestais. Realizan traballo de limpeza e mantemento dos roteiros e espazos de lecer municipais, ocúpanse da erradicación de vertedoiros incontrolados -152 ao longo do 2010-, encárganse da recollida de animais mortos e abandonados -151 en total o ano pasado- e colaboran coa Aula da Natureza en actividades de educación ambiental. A Brigada de Garda Medioambiental do Concello traballa, día a día, a prol da saúde do medio en Ames desde moi distintas frontes.

Unha chamada ao 619 829 772, o teléfono da Brigada de Garda Medioambiental alerta de que na aldea de Quintáns merodea un can sen dono que pode ser perigoso. Dous membros da Brigada póñense en marcha para solventar o problema. De camiño, nunha pista forestal da Ameixenda ven un vertedoiro incontrolado: dous colchóns, unha lavadora vella, un bidé, varias mantas e algúns electrodomésticos pequenos. De volta, xa co can na traseira do coche, o vertedoiro medrou e aos refugallos espallados pola cuneta sumáronse un par de cadeiras coas patas rotas, unha mesa e varias caixas de leite.

Na mesma mañá os membros da brigada acompañan á encargada da Aula da Natureza que leva aos rapaces e rapazas de Ventín a Trasmonte onde están preparando un horto ecolóxico. Unhas horas antes, a Brigada de Garda Medioambiental traballaba no desbroce selectivo do roteiro de Riamonte, unha zona na que hai que actuar con moito coidado posto que as especies de fauna e flora que poboan este espazo de lecer de Ames son moi especiais. De volta á nave, a Brigada acondicionará e deixará a punto o todo-terreo para a seguinte xornada. Nas rodas e nos baixos aínda se atopan pegadas da súa colaboración na extinción dun incendio nos días anteriores.

A brigada de garda medio ambiental do Concello de Ames, traballa día a día a prol dun medio sostible, contribuíndo á conservación e mellora do contorno natural. Entre as funcións desenvolvidas durante o ano pasado destacan as da erradicación de vertedoiros incontrolados e demais incumprimentos no que a normativa ambiental se refire, a participación en programas de educación e concienciación ambiental, a recollida de animais abandonados e mortos, labores de vixilancia ambiental, colaboración en labores de prevención de incendios forestais, acondicionamento de rutas de sendeirismo e a atención ás demandas veciñais que teñen que ver coa conservación do medio.

O 2010 en cifras
As cifras falan por si soas. Ao longo do ano 2010, a Brigada de Garda Medioambiental fíxose cargo de 152 vertedorios incontrolados. A natureza dos residuos é moi variada, sen embargo abundan maioritariamente os entullos de obras e a ferralla, que soen aparecer en lugares afatados como as pistas forestais. Recolleu a brigada tamén 816 residuos puntuais, cualificados como "non asimilables". Tamén os membros desta brigada que vela pola saúde do medio en Ames, encargáronse de recoller 99 cans e 10 gatos abandonados ademais de 42 animais mortos. No canto da atención e inspección de escritos veciñais, a Brigada atendeu un total de 153 avisos.

Porén non son estes os únicos cometidos da Brigada de Garda Medioambiental. "O traballo máis importante desta Brigada é o de estar aí, vixiando que se cumpra a lexislación relacionada cos espazos naturais e actuando, inmediatamente, cada vez que xorde un problema, cada vez que aparece un vertedoiro incontrolado, cada vez que un animal solto aparece nun barrio ou nunha aldea...", manifesta a concelleira de Medio Ambiente Ursula Seijas quen fai fincapé tamén sobre o "importante labor de educación e divulgación sobre o coidado do medio que, cada vez con maior frecuencia, realiza a Brigada en colaboración coa Aula da Natureza" e "o traballo de mantemento e conservación dos roteiros e espazos de lecer cos que conta o noso Concello".

A preocupación pola defensa do medio ambiente, pola conservación dos recursos naturais e polo mantemento do equilibrio nos ecosistemas ecolóxicos é algo prioritario nos tempos nos que vivimos. Por iso desde a Administración local trabállase no mantemento e na mellora das condicións ambientais do contorno, facendo ademais que se cumpra a normativa vixente. A brigada de garda ambiental, que está composta por dous peóns ambientais e unha coordinadora, son o mellor expoñente desde coidado especial pola saúde do medio.

Cómpre salientar tamén a implicación da Brigada de Garda Medioambiental na divulgación dos programas de concienciación que o departamento de Medio Ambiente ten en marcha: A campaña "Non o abandones" coa que se pretende mitigar a incidencia de abandonos de animais, especialmente nas épocas de vacacións, e a campaña "O único residuo que non contamina é o que non se xera" na que, de xeito pedagóxico e divulgativo, se explican os tipos de residuos, os efectos que o lixo provoca na saúde e no medio e o tempo que a natureza tarda en transformalos, ao tempo que lembra que unha actitude persoal responsable nos nosos costumes de consumo diario é o cumprimento da regra das tres R -reducir,reutilizar e reciclar- son os mellores garantes para a conservación saudable do noso medio.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Menos vertederos sin control en Ames "
La Voz de Galicia:"A brigada amiense de Medio Ambiente eliminou máis de 150 vertedoiros incontrolados"