Pestanas principais

143 nenas e nenos participan na última quincena da Escola de Verán, centrada na loita contra o cambio climático

Venres, 19 de agosto de 2022

O pasado martes 16 de agosto comezou a última quincena da Escola de Verán, un programa de conciliación polo que este 2022 pasaron 403 crianzas nos meses de xullo e agosto. Durante estas últimas dúas semanas de agosto, a temática das actividades xirará arredor do cambio climático e da sostibilidade, fomentando a actitude responsable das persoas que formamos a nosa sociedade e a acción climática. Nesta última quenda participan uns 143 nenos e nenas, repartidos entre o CEIP da Maía, no CEP de Ventín e na EEI do Milladoiro.

Este martes 16 arrincou a última quenda desta edición da Escola de Verán, un programa de conciliación que se desenvolve en catro períodos de dúas semanas en xullo e agosto, e que ofrece unha alternativa de ocio e tempo libre aos nenos e nenas amesás durante o período estival, cunha ampla oferta de actividades dirixidas a fomentar a convivencia, a tolerancia e a integración. A través de diversos xogos e exercicios, búscase que a rapazada aprenda a respectar e a tomar conciencia sobre o seu entorno de xeito lúdico e creativo.

Nesta segunda quincena de agosto van participar na Escola de Verán un total de 143 rapaces e rapazas, repartidos entre tres centros de ensino. Deste xeito, no CEIP da Maía participan 60 crianzas; na EEI Milladoiro hai 48 cativos e cativas inscritas; e no CEP de Ventín participan outras 35 nenas e nenos.

Ao longo destas dúas semanas as actividades centraranse na loita contra o cambio climático e na sostibilidade. A través das propostas desta quenda, como “Ecopoderes”, “Hotel para insectos”, “Unha app para cambiar o mundo”, “Cambio climático” ou “En garda polo planeta”, buscarase fomentar a acción climática e a actitude responsable como parte integral da nosa sociedade.

Para isto promoverase un espírito creativo e activo, que demostre que existen solucións na man de cada persoa para reverter os efectos do desenvolvemento descontrolado, e que se debe loitar contra a desigualdade, a inxustiza e o abuso do medio natural, tratando de minimizar o impacto do cambio climático e as súas consecuencias máis evidentes.

Ademais de tratar nestes catorce días o cambio climático e a sostibilidade, en quincenas anteriores as actividades da Escola de Verán tiveron outros enfoques. Nas primeiras dúas semanas de xullo a Escola de Verán centrouse nos contornos naturais e humanos da rapazada. Por outra banda, na segunda quincena de xullo as propostas xiraron arredor da biodiversidade e o equilibrio ecolóxico. Ademais, na primeira metade de agosto tratouse o patrimonio arqueolóxico de Ames, dándolle a coñecer aos nenos e nenas as formas de vida dos primeiros asentamentos do Val da Maía, as súas formas de vida, tradicións, profesións e expresión artística.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "La escola de verán de Ames llega a su recta final"

El Correo Gallego: "Un concilia para concienciar al futuro de A Maía contra el cambio climático"

143 nenas e nenos participan na última quincena da Escola de Verán, centrada na loita contra o cambio climático

Multimedia

  • 143 nenas e nenos participan na última quincena da Escola de Verán, centrada na loita contra o cambio climático
  • 143 nenas e nenos participan na última quincena da Escola de Verán, centrada na loita contra o cambio climático
  • 143 nenas e nenos participan na última quincena da Escola de Verán, centrada na loita contra o cambio climático
  • 143 nenas e nenos participan na última quincena da Escola de Verán, centrada na loita contra o cambio climático