Pestanas principais

14 rapaces e rapazas de Ames poderán participar nun curso de esquí en Leitariegos

Martes, 12 de xaneiro de 2016

[12-01-2016] A campaña de esquí 2016, organizada pola Deputación da Coruña, concedeu este ano a 14 rapaces e rapazas amesáns a oportunidade de asistir a un curso de esquí na estación invernal de Leitariegos. O Concello recollerá até o día 22 de xaneiro de 2016 as inscricións e documentación necesarios para que os interesados poidan optar a unha das 14 prazas. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o formulario de inscrición.

A quenda que lle corresponde aos participantes, que deben ter idades comprendidas entre os anos 2001,2002, 2003, 2004 e 2005 é a quinta do programa, tendo o curso lugar entre os días 6 e 11 de marzo. O prezo do curso, 95 euros, inclúe o transporte dende o concello até a estación de esquí, situada na cordilleira Cantábrica da provincia de León. A estancia e manutención, tamén incluídos no prezo, desenvolveranse en aloxamentos ubicados na propia estación de Leitariegos.

Ademais do formulario de inscrición deberanse entregar unha fotografía en tamaño carné, unha fotocopia da tarxeta sanitaria, ademais dunha fotocopia do carné de identidade ou do carné de familia. No caso de que o neno/a tivese un tratamento específico ou unha doezna a ter en conta deberase adxuntar o certificado médico asinado polo facultativo ou a facultativa. Do mesmo modo deberase informar de calquera medicación específica ou alerxia alimentaria ou doutro tipo.

Os rapaces e rapazas seleccionados serán contactados pola propia Deputación da Coruña, que lles facilitará a información necesaria para completar a inscrición.