[22-12-2016] Coincidindo co inicio das vacacións ponse en marcha, un ano máis, o programa de actividades do Nadal Lúdico que lles permite aos pais e nais conciliar a súa vida laboral e familiar. Neste programa, que se desenvolve dende o día 22 de decembro ata o 5 de xaneiro, en horario de 7.30 h ata 16.30 horas, participan un total de 139 usuarios/as. En Bertamiráns os nenos e nenas acoden ao CEIP A Maía e, no Milladoiro, os nenos e nenas de educación infantil están na EEI Milladoiro e os de educación primaria no polideportivo e na Casa da Cultura. Nos lúdicos desenvólvense actividades e obradoiros que teñen por obxectivo ocupar o tempo de lecer dos máis pequenos dun xeito divertido e educativo e permitindo a nais e pais conciliar o seu traballo coas vacacións dos seus fillos/as.
Este programa está dirixido aos nenos e nenas escolarizados no 2º ciclo de educación infantil e en educación primaria empadroados no Concello de Ames. O Nadal Lúdico desenvólvese tanto no Milladoiro coma en Bertamiráns. No Milladoiro son 70 os nenos e nenas que participan no programa lúdico, mentres que en Bertamiráns son 69. En Bertamiráns os nenos/as desenvolven as actividades do Nadal lúdico no CEIP A Maía, mentres que no Milladoiro os nenos/as de educación infantil están na EEI Milladoiro e os rapaces e rapazas de educación primaria na Casa da Cultura e no pavillón polideportivo.
Academia de cine, este é o titulo do programa de actividades que se desenvolverán durante o Nadal Lúdico. Nesta academia tan especial os rapaces e rapazas adentraranse no mundo da ilusión, a fantasía e a creatividade para potenciar o talento dos e das artistas que forman parte dela. Cada día dúas personaxes (Xoel e Mara) presentaralle aos nenos e nenas personaxes relacionados co mundo do cine que os acompañarán durante a xornada para realizar actividades, moitas delas para o adestramento de habilidades de interpretación, comunicación, creatividade, etc. Nesta programación tamén estará presente o Nadal a través de diferentes obradoiros.
Ademais, un dos fíos condutores que se manteñan ao longo da academia será a realización dunha curtametraxe por parte dos nenos e nenas, na cal se convertan no protagonistas da historia e realicen todo o proceso de elaboración do mesmo (creación da historia que queren contar; redacción do guión; interpretación dos personaxes; persoal técnico de son, luces e claqueta; especialistas de atrezzo e decorados; maquillaxe e todas aquelas funcións necesarias para poder crear a súa propia curtametraxe). Dita curta tratará cunha temática relacionada co concello de Ames.




