Pestanas principais

135 nenos participaron no programa da Primavera lúdica

Martes, 26 de abril de 2011

[26-04-2011] A Primavera Lúdica rematou cun balance moi positivo. Este programa municipal permitiulle aos nenos e nenas divertirse e aprender, mentres os seus pais traballaban durante as datas laborables da Semana Santa. Deste xeito, a Primavera lúdica, facilitou a conciliación da vida laboral e familiar para os pais e nais amienses. Divididos entre Bertamiráns e Milladoiro, un total de 135 nenos e nenas tomaron parte nesta edición da Primavera lúdica, que estivo centrada en temas como a arte, a Pascua ou a propia primavera. Este programa permitiulle aos nenos e nenas gozar dun amplo abano de actividades que seguramente os animará a participar doutras iniciativas municipais semellantes.

A conciliación entre a vida laboral e o coidado dos nenos/as faise especialmente complicada para moitos pais e nais nas datas de Semana Santa, nas que malia haber días laborables para os maiores os pequenos gozan dunhas breves vacacións. O programa Primavera lúdica tentou, nunha nova edición que acaba de rematar, facilitarlles as cousas a eses pais e nais. Un total de 135 nenos e nenas distribuídos entre Bertamiráns e Milladoiro participaron na iniciativa pasando uns días de diversión e aprendizaxe que seguramente lembrarán con ledicia. O programa desenvolveuse os pasados días 18,19, 20 e 25 de abril, en horario de 07:30 h. a 16:00 horas.

Os xogos puxeron fin no IES de Ames á Primavera Lúdica de Bertamiráns. O bo tempo acompañou e puideron realizarse xogos de exteriores, incluíndo un cun paracaídas que gustou moito aos nenos e nenas. Ao longo dos días da Primavera lúdica os pequenos participaron nunha serie de obradoiros de manualidades divididos en dous grupos de idade. No primeiro estaban os nenos e nenas de entre 4 e 6 anos de idade, que levaron a cabo obradoiros nos que elaboraron marca páxinas, flores de primavera e caixas de ovos de Pascua. Os nenos e nenas de 6 a 12 anos, ademais de caixas de ovos e flores de primavera, construíron pequenos coellos articulados. En total en Bertamiráns foron, ao longo de toda a semana, 49 nenos e nenas os que participaron, facendo uso moitos deles do servizo de comedor entre as 14:00 h. e as 16:00 horas.

As actividades centráronse pois en diversos temas acordes coas datas como foron a Pascua, o Día do Libro ou a propia primavera. Deste xeito os contacontos, obradoiros e demais actividades que se realizaron xiraron arredor destes temas.

No Milladoiro foron 86 os nenos e nenas que participaron da Primavera lúdica. Os participantes dividíronse entre a Escola Infantil do Milladoiro, onde se atopaban nenos e nenas de 3 a 5 anos de idade, e a Casa da Cultura, onde estaban aqueles entre 6 e 12 anos de idade. Ao longo destes días realizáronse diversas actividades relacionadas coa arte, nas que aprenderon máis sobre figuras coma o pintor Kandinsky. Tamén aprenderon a pintar con acuarela, con area e con contas de cores. Na última xornada deste programa levouse a cabo un xogo de pistas no que os nenos e nenas amosaron unha cantidade enorme de coñecementos relacionados coa arte que foron adquirindo ao longo da semana pasada. Tras este xogo entregáronse varios premios e houbo unha merenda para os cativos. Ademais deste xogo de pistas leváronse a cabo outros xogos, como o de paracaídas que tamén se usou en Bertamiráns.

No programa Primavera lúdica participaron moitos nenos e nenas doutras edicións e doutros programas municipais semellantes coma o Nadal Lúdico. Isto amosa a aceptación e éxito deste tipo de iniciativas tanto entre os nenos/as coma entre os pais, que dispoñen deste servizo que en datas de vacacións lles axuda a poder manter coidados aos seus fillos mentres traballan. Seguro que o ano que vén moitos pequenos volven gozar deste programa para aprender moitas cousas novas e divertirse con rapaces e rapazas da súa idade.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Los planes de conciliación de Ames, Teo y Oroso de Semana Santa reunieron a 274 niños"