- Tematica
A Concellería de Benestar Social e Igualdade organiza para este venres, 28 de novembro, a décimo quinta edición das Xornadas Achégate á Igualdade, que se desenvolverán na Casa da Cultura do Milladoiro. A xornada, que é gratuíta, conta con 130 persoas inscritas. Ditas xornadas están protagonizadas por Mabel Lozano, Silvia Pérez e Llerena Pedrozo, que impartirán distintos obradoiros e faladoiros. Esta iniciativa está dirixida a profesionais, público xeral, educadores e educadoras, alumnado, docentes, persoal da área da psicoloxía, da orientación, profesionais da administración pública, pais e nais. Premendo neste enlace podes descargar o programa completo das xornadas.
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social e Igualdade, organiza a décimo quinta edición das Xornadas Achégate á Igualdade que este ano ten por lema: Nin mercadoría nin silencio: xornadas contra a trata e a explotación sexual. Este ano as xornadas están protagonizadas por Mabel Lozano, Silvia Pérez e Llerena Pedrozo, que impartirán distintos obradoiros e faladoiros.
A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Uxía García, pon en valor “a organización destas xornadas que xa chegan a súa décimo quinta edición e nesta ocasión abordarán temas como a trata e a explotación sexual. Contaremos cunha convidada de excepción como é Mabel Lozano, coñecida polo seu labor de denuncia social contra a trata e a explotación sexual de mulleres. Ademais, Silvia Pérez Freire e Llerena Pedrozo Porteiro impartirán un faladoiro sobre a prostitución e a trata sexual”.
Ponte na súa pel, a cargo de Mabel Lozano
O programa de actividades dará comezo ás 9.30 horas cunha mesa de apertura institucional. De seguido, de 10.15 a 11.45 horas, realizarase o obradoiro Ponte na súa pel, a cargo de Mabel Lozano. Mabel Lozano é unha escritora, directora de cinema, actriz e activista española coñecida polo seu labor de denuncia social contra a trata e a explotación sexual de mulleres.
A súa carreira, que comezou como actriz e modelo, levouna a dirixir documentais como Chicas Nuevas 24 Horas (nominado aos Premios Goya 2025) e Biografía del cadáver de una mujer, este último gañador dun premio Goya. Ademais coa curtametraxe AVA gañou un Premio Goya en 2025. Cómpre destacar tamén o seu traballo como escritora e que foi recoñecida con múltiples galardóns polo seu compromiso cos dereitos humanos. Na actualidade, Mabel Lozano atópase inmersa ca campaña de promoción do seu libro AVA.
Faladoiro Desvelando mitos da prostitución e a trata sexual
Posteriormente, de 12.30 a 14.00 horas, impartirase o obradoiro Desvelando mitos da prostitución e a trata sexual, que impartirán Silvia Pérez Freire e Llerena Pedrozo Porteiro.
Silvia Pérez Freire é doutora en socioloxía e profesora da Universidade de Vigo, investigadora social especializada en violencia de xénero e co-fundadora da rede galega contra a trata. Llerena Perozo Porteiro é escritora, produtora audiovisual e teatral. Ademais, ten unha longa traxectoria profesional no ámbito da cultura, igualdade, medio ambiente e ecofeminismo.






