Pestanas principais

125 escolares do CEP de Ventín reciben charlas de seguridade viaria da man de axentes da Policía Local de Ames

Xoves, 07 de maio de 2015

[07-05-2015] Un total de 125 escolares de primeiro de Educación Primaria do CEP de Ventín recibiron na mañá de hoxe diversas charlas da man de dúas axentes da Policía Local de Ames. A actividade, promovida pola dirección do centro en colaboración co Concello de Ames, busca reforzar os coñecementos do alumnado en materia de seguridade viaria.

Os rapaces aprenderon a importancia de cruzar debidamente polos pasos de peóns, coñeceron os sinais de tráfico e as medidas de seguridade que deben ter en conta á hora de viaxar en coche, bicicleta ou transporte público. Ademais, souberon das posibles infraccións ás que se poden expoñer se non obedecen as normas de circulación.  

Os membros da Policía Local sinalaron que é moi importante que dende a infancia se asimilen e respecten aspectos fundamentais para a seguridade viaria. Os nenos recibiron un carné para que poidan simular ser axudantes de policía cando saian á rúa cos seus pais. Para finalizar, tiveron ocasión de coñecer o coche-radar da Dirección Xeral de Tráfico e o vehículo da Policía Local.