[02-04-2011] Achegar os nenos e nenas do último ano de educación primaria á lingua galega, eliminar os prexuízos e estereotipos existentes sobre o idioma, fomentar o emprego do galego como un valor engadido na conformación da identidade persoal e social, motivar o interese da rapazada pola identidade cultural e lingüística e fomentar a idea da diversidade lingüística e cultural como algo enriquecedor para a sociedade foron os obxectivos xerais dos obradoiros Máis Alá da Lingua Divertida que se desenvolveron nos colexios públicos do concello grazas a colaboración entre os equipos de normalización lingüística dos centros educativos e o Servizo de Normalización Lingüística de Ames. O alcalde de Ames, Carlos Fernández, e o concelleiro de Cultura, Francisco Villaverde, clausuraron estes obradoiros na Casa da Cultura de Bertamiráns. A exposición dos traballos feitos nos centros de ensino poderase ver na Casa da Cultura de Bertamirás ata o día 10 de abril.
Os obradoiros Máis Alá da Lingua Divertida dirixíronse a rapaces e rapazas de sexto de primaria dos colexios de Barouta, Agro do Muíño e A Maía. Comezaron a desenvolverse a comezos deste ano e remataron o pasado mes de marzo. Foron obradoiros de catro sesións cada un deles nos que dun xeito lúdico e divertido se intentou achegar os nenos e nenas á lingua galega, ao tempo que se ían analizando e desfacendo os prexuízos e estereotipos sobre a nosa lingua que xa están presentes en rapaces e rapazas desas idades.
Aos once ou doce anos estamos nunha franxa de idade moi próxima á adolescencia, unha época na que as persoas comezamos a preguntarnos quen somos e quen queremos ser, por iso, estes obradoiros pretenderon achegar dinámicas que faciliten a construción do que significa ser un mesmo ou unha mesma e que inciten a reflexionar sobre ese tipo de cuestións.
Optouse por impartir os obradoiros nos centros de ensino e en horario escolar para poder chegar a un volume máis elevado de nenos e nenas e así poder realizar un traballo máis profundo. Doutro xeito, moitos cativos e cativas non poderían participar na actividade. O feito de romper o ritmo habitual das clases con actividades novas, diferentes e case sempre en equipo foi acollido positivamente pola rapazada e mesmo foi aproveitado por moitos docentes dos propios colexios para coñecer dinámicas de traballo novas.
Unha vez rematados os obradoiro, o auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu a clausura desta actividade. O alcalde de Ames, Carlos Fernández, e o concelleiro de Cultura, Francisco Villaverde, foron os encargados de clausurar estes obradoiros. Os nenos e nenas tamén tiveron o seu protagonismo nesta acto xa que realizaron varias actuacións. Primeiro houbo dúas representación teatrais e interpretaron varias cancións en galego. Despois tamén se dou lectura a un manifesto e unha poesía en prol do galego. A exposición dos traballos feitos nos centros de ensino poderase ver na Casa da Cultura de Bertamirás ata o día 10 de abril.
Abriu o acto o alcalde de Ames, Carlos Fernández, e o concelleiro de Cultura, Francisco Villaverde. Tanto o concelleiro como o alcalde amosaron o compromiso do Concello coa nosa lingua e animaron aos nenos/as desenvolverse con normalidade na nosa lingua. O rexedor municipal destacou que os nenos/as son o futuro da lingua e incidiu en que "o futuro da lingua galega está na vosa lingua".
Identidade cultural e lingüística
Os obradoiros tiveron como punto de partida o traballo das habilidades sociais, comunicativas e lingüísticas do alumnado. Intentouse poñer o grupo a proba para motivar o seu interese pola identidade cultural e lingüística e, tamén, pola conformación da identidade persoal e grupal. Ao mesmo tempo procurouse traballar o coñecemento ou a aproximación á realidade multilingüística, á diversidade e ao conflito. Tratáronse tamén os roles e modelos sociais que motivan ou desmotivan opcións, condutas, eleccións etc.
Do mesmo xeito, en todas as actividades destes obradoiros traballouse na educación en valores: o ecoloxismo, a non discriminación respecto ao xénero, a participación social, o respecto ás diferenzas culturais... estiveron sempre presentes nas actividades.




