[27-05-2011] O Concello de Ames realiza todos os anos un amplo programa de alfabetización dixital con cursos de iniciación á informática para as persoas de todas as idades. Neste caso, organizouse un obradoiro dirixido aos rapaces e rapazas de 6 a 12 anos, que se impartiu no local social de Agrón. Este curso desenvolveuse entre os meses de marzo e maio, completando un total de 20 horas dedicadas á aprendizaxe. O obxectivo desta iniciativa foi promover a alfabetización dixital para todas as capas da poboación de Ames. O curso ofreceu nocións básicas de word, access, excel e power point para os usuarios/as. Ademais tamén coñeceron como funciona o sistema operativo Windows. Deste xeito, os máis novos aprenderon a desenvolverse cunha ferramenta que na actualidade é imprescindible e que lles será sen dúbida de moita utilidade no futuro. Os encargados de facer entrega dos diplomas que acreditan o correcto aproveitamento deste curso foron o alcalde e a concelleira de Mocidade, ambos os dous en funcións ata que tome posesión o novo goberno municipal.


As novas xeracións de Ames precisan estar capacitados e saber manexar as distintas ferramentas tecnolóxicas para afrontar o futuro en óptimas condicións. Unha das necesidades máis prioritarias do mundo actual é o manexo correcto da informática, que hoxe en día é unha ferramenta fundamental en multitude de oficios ou para a realización dos máis diversos trámites. Asegurar que a mocidade amiense, neste caso da parroquia de Agrón, poida acceder ao dominio da informática foi o obxectivo do curso que a Concellería de Mocidade organizou no local social da devandita parroquia.
A iniciativa contou cun total de 20 horas dedicadas a familiarizar os máis novos co manexo axeitado desta ferramenta. Os contidos impartíronse en sesións de dúas horas semanais concentradas na tarde do venres, entre as 18:00 h. e as 20:00 horas. O curso comezou a mediados do mes de marzo e acaba de rematar. Doce rapaces e rapazas entre os 6 e os 13 anos foron os beneficiarios desta actividade.
Este curso enmárcase dentro do proxecto conxunto de obradoiros de informática para a alfabetización dixital no rural, que se desenvolveron nas parroquias de Agrón, Ameixenda e Bugallido. Nestes cursos participaron un total de 60 persoas repartidos en cinco grupos de 12 persoas cada un.
O obxectivo destes cursos é dotar aos usuarios dunha serie de coñecementos básicos sobre aplicacións de emprego habitual como son word, acces, excel e power point. As persoas asistentes, que non tiveron contacto previamente con estas útiles ferramentas para o día a día, puideron aprender a desenvolverse no emprego das mesmas con eficiencia básica, de feito que poidan manexalas con todas as posibilidades que iso lles ofrece. Ademais tamén se impartiron nocións para iniciar aos usuarios/as no sistema operativo Windows.
Estes obradoiros realízanse coa intención de que a alfabetización dixital chegue a todas as capas da poboación amiense. Deste xeito dáselle continuidade ao programa de dinamización dixital nas aldeas. Nas edicións anteriores estes obradoiros xa se organizaron nas localidades de Piñeiro, Augapesada e Covas.




