Pestanas principais

12 persoas participan na quinta edición do curso de corte e confección

Sábado, 29 de outubro de 2011

[29-10-2011] A Oficina de Voluntariado de Ames (OVA), dependente da Concellería de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, organiza unha nova edición do curso de corte, confección e patronaxe dirixido a todas aquelas persoas interesadas en aprender a arte das agullas. O curso, como en anos anteriores, impartirase na aula de usos múltiples da Casa da Cultura de Bertamiráns. Esta actividade comezou o xoves 27 de outubro e impartirase todos os xoves en horario de mañá, das 10:00 h ás 12:00 h. O prazo para apuntarse aínda está aberto.


Un ano máis o Concello de Ames pon en marcha un novo curso de corte e confección, despois da boa acollida das edicións anteriores. Esta actividade impartirase todos os xoves na aula de usos múltiples da Casa da Cultura de Bertamiráns, en horario de mañá, das 10:00 h ás 12:00 h. O prazo aínda segue aberto para todos aqueles que desexen aprender como deseñar e crear as súas propias pezas de vestir dunha maneira creativa, sinxela, económica e que atenda aos seus gustos persoais.

O curso é totalmente gratuíto e conta coa presenza de dúas profesoras voluntarias que teñen xa varios anos de experiencia, Braulia Hernández e Herminia Abete. Braulia, a profesora principal, é unha voluntaria xubilada, que despois de moitos anos exercendo como modista en Venezuela, retornou a Ames e é agora quen comparte e imparte todos os seus coñecementos de forma totalmente voluntaria. Herminia é a profesora de apoio.

O curso impártese dende o xoves 27 de setembro con sesións semanais de dúas horas, ata o próximo mes de xuño. Ata o momento están apuntadas 12 persoas nesta edición, todas mulleres, aínda que o curso está dirixido a homes e mulleres de calquera idade. Este ano o curso conta con alumnas de idades moi variadas.

Ao longo do curso, as alumnas poderán aprender a comprender os patróns base da costura e os seus escalados para crear elas soas os seus propios modelos ou transformalos. Este é un oficio que sempre esperta gran curiosidade entre todos/as aqueles afeccionados/as á moda.

Ao final do curso, como todos os anos, as alumnas terán a oportunidade de exhibir ante o público nunha exposición as creacións que realizaron grazas aos coñecementos adquiridos ao longo dos meses.

Con esta iniciativa, a Oficina de Voluntariado de Ames (OVA), continua ofrecendo á poboación amiense unha formación moi demandada. Se queres apuntarte nesta actividade, aínda estás a tempo de facelo. O curso é completamente de balde e para participar só hai que chamar á Oficina de Voluntariado de Ames marcando ou 981 883 703. Neste número tamén obteremos información sobre outras actividades da oficina e, o que é máis importante, explicarannos como podemos converternos nós en voluntarios/as.