[14-08-2017] A praia fluvial de Tapia acolleu este domingo, 13 de agosto, a XXXII edición do descenso do Tambre. Uns 240 deportistas, pertencentes a 15 clubs galegos, xuntáronse en Ames para participar nesta proba deportiva. Jaime Sobrado, do Club Náutico Ría de Pontevedra, logrou o primeiro posto na categoría sénior K-1 masculina, mentres que na categoría sénior K-1 feminina o primeiro posto foi para María Alonso, do Club de piragüismo Olívico. Na categoría C-1 sénior masculina gañou Francisco Rodríguez, do Club piragüismo Rianxo-Toffe. Esta proba está organizada polo Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre en colaboración co Concello de Ames e maila Federación Galega de Piragüismo. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as clasificacións da proba do descenso do Tambre e das probas de circuíto na praia fluvial de Tapia.





Ribeiras do Tambre: mellor club no descenso e na proba de circuíto
O Club de piragüismo Ribeiras do Tambre participou nesta proba con 40 padexeiros/as (15 no descendo do Tambre e 25 na proba do circuíto). Do cales, 12 acadaron medalla ao quedar entre os tres primeiros/as da categoría na que participaron. Tamén cómpre destacar que o club de piragüismo amesán gañou a clasificación xeral de clubs tanto do descenso do Tambre como da proba de circuíto. Alberto Viaño, do Ribeiras do Tambre, gañou a proba K-1 de veteranos, e chegou na segunda posición á liña de meta na clasificación xeral do descenso do Tambre.
Gañadores/as na proba de circuíto
En canto á proba de circuíto, na categoría masculina os gañadores foron: Luís Guilbert do Club Ribeiras do Tambre - Tenreira Galega (categoría infantil A K-1), Mauro Domínguez do Club de piragüismo Rianxo-Toffe (categoría infantil B K-1), Martín Antelo do Club Ribeiras do Tambre - Tenreira Galega (categoría alevín A K-1), Alejandro Narciso do Club piragüismo Río Verdugo (categoría alevín B K-1), Borja López do Club de piragüismo de Narón (benxamín K-1). Nesta última categoría o padexeiro local do club Ribeira do Tambre, Manuel José Rubial, quedou en terceira posición.
Nas categorías femininas da proba de circuíto as gañadoras foron: Laura Ardións do Club Ribeiras do Tambre - Tenreira Galega (categoría infantil A K-1), Noa Conde do Club de piragüismo Río Verdugo (categoría infantil B K-1), Laura Amado do Club Kayak de Mar – Ría de Muros e Noia (categoría alevín A K-1), Daniela Álvarez do Club piragüismo Río Verdugo (categoría alevín B K-1). Nesta última categoría a padexeira amesá do Club Ribeiras do Tambre, Candela Esteban, quedou na segunda posición. Por último, na categoría benxamín K-1 a gañadora foi Aroa Rodríguez do Club deportivo náutico de Míño e na segunda posición quedou a padexeira do club local Ribeiras do Tambre, Saray Guilbert.
Gañadores/as no descenso do Tambre
Na categoría sénior K-1 masculina o gañador foi Jaime Sobrado, do Club Náutico Ría de Pontevedra. Nesta proba houbo dous padexeiros, Carlos Balsa e Marcos Del Río, do Club Ribeiras do Tambre que quedaron entre os dez primeiros. Nesta mesma categoría, pero na modalidade feminina, o primeiro posto foi para María Alonso, do Club de piragüismo Olívico. Na categoría C-1 sénior masculina gañou Francisco Rodríguez, do Club piragüismo Rianxo-Toffe.
Na categoría xuvenil K-1 masculina gañou Carlos Martínez do Club Kayak de Mar – Ría de Muros e Noia. Martín del Río do club local Ribeiras do Tambre quedou na quinta posición. Na proba xuvenil K-1 de mulleres a primeira posición foi para Cristina Maceiras do Club Kayak de Mar – Ría de Muros e Noia. Na categoría C-1 xuvenil masculina gañou David Rodríguez do Club deportivo náutico de Miño.
Na clasificación xeral (orde na que chegaron os padexeiros a liña de meta no descenso do Tambre) o primeiro foi Jaime Sobrado, do Club Náutico Ría de Pontevedra; o segundo foi Alberto Viaño, do Club Ribeiras do Tambre - Tenreira Galega; e o terceiro Jorge Cachafeiro do Club Náutico Ría de Pontevedra.
Na categoría cadete K-1 masculina e feminina o Club Ribeiras do Tambre - Tenreira Galega conseguiu un excelente resultado. Na categoría de homes subiron ao podio: Ángel González na primeira posición, Gabriel Martínez no segundo chanzo e Abel Álvarez na terceira posición. Na categoría de mulleres quedou na primeira posición Andrea Tuñas e en seguindo lugar Lorena Viaño. Deste xeito, o club amesán logrou cinco medallas das seis posibles. Na categoría masculina cadete C-1 o primeiro posto foi para Antón Mosquera do Club deportivo náutico de Miño.
Por último, en canto ao descenso do Tambre, na categoría masculina de veteranos K-1, gañou o padexeiro amesán, Alberto Viaño, do Club Ribeiras do Tambre - Tenreira Galega, e na categoría feminina o primeiro posto foi para María Victoria Noche do Club Kayak de Mar – Ría de Muros e Noia.
Un ano máis o río Tambre volveu a encherse de piraguas e canoas. Foron moitos os veciños de Ames que se achegaron ata a área recreativa de Tapia para gozar do piragüismo e ver aos mellores padexeiros e padexeiras de Galicia, que se deron cita na XXXII edición do descenso do Tambre. Arredor de 240 padexeiros/as, pertencentes a 15 clubs galegos, competiron por alzarse cos premios nas distintas categorías. A baixada do Tambre, organizada polo Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre xunto co Concello de Ames é xa toda unha referencia para o piragüismo galego.
Na baixada desde a ponte de Portomouro ata a praia fluvial de Tapia participaron padexeiros/as das categorías cadete, xuvenil, sénior e veterano. Dentro destas categorías competiron arredor de 75 padexeiros e padexeiras que tiveron que percorrer unha distancia de 5.400 metros. Tampouco faltou o circuíto da praia fluvial, reservado ás categorías benxamín, alevín, infantil que percorreron 1.500 metros. Nas categorías de nenos/as participaron arredor de 165 padexeiros/as.
Contido relacionado

Ames Go: "Éxito do Clube de Piragüismo Ribeiras do Tambre"
La Voz de Galicia: "Jaime Sobrado domina el Descenso do Tambre"
El Correo Gallego: "Jaime Sobrado se lleva la victoria en el XXXII Descenso del Tambre"




