Pestanas principais

100 nenas e nenos parten hoxe ao campamento de verán Galipark Multiaventura

Luns, 18 de xullo de 2016

[18-07-2016] Esta mañá, ás 10:30 horas, dous autobuses saíron da praza do Concello de Ames en dirección ao campamento de verán de Galipark Multiaventura, situado preto da vila de Padrón. Cos nenos e nenas viaxaron dous monitores xuvenís da OMIX que están a realizar as súas prácticas do curso de monitor de tempo libre en Ames. O grupo, formado por 100 rapazas e rapaces dos cursos de 3º e 4º de Primaria, pasará catro días no campamento entre xogos e actividades ao aire libre.

Este verán 420 rapazas e rapaces participan nos campamentos de verán organizados polo Concello de Ames. Moitos dos campamentos cubriron as súas prazas, como o de Galipark Aventura en Padrón, outros, como os do Xurés, mesmo tiveron que aumentalas para atender a todas as peticións. Esta mañá 100 das crianzas inscritas despediron as súas familias na praza do Concello, en Bertamiráns, e marcharon para pasar catro días e tres noites fóra da casa. O campamento Galipark Multiaventura inclúe diversas actividades: tiro con arco, rutas en bicicleta ou a pé, circuíto de pontes colgantes ou xogos acuáticos na piscina. Ademais o grupo achegarase a Padrón para participar nun “Pequín Express” a pequena escala. As noites, temáticas, comezarán cun serán, outro sobre superheroes e unha última noite de xogos baseada na serie “Prison Break”.

Os monitores vixiarán que nenos e nenas coiden ben das tendas de campaña nas que durmirán en grupos de sete ou oito. Ademais o grupo é responsable de manter limpa e coidada a zona de castiñeiros na que acamparán. O xoves pola tarde, ás 18:30 horas, o grupo de excursionistas retornará a Bertamiráns no autobús.

Para ampliar calquera outra información sobre os campamentos dirixidos ao alumnado de infantil e primaria, así como do campamento urbano poden chamar ao número 660 004 665 ou enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. Para solicitar información sobre os campamentos dirixidos ao alumnado de secundaria e bacharelato deben chamar ao número 616 083 229 ou enviar un correo electrónico ao enderezo omix@concellodeames.gal