Pestanas principais

10 padexeiros e padexeiras do Club Ribeiras do Tambre acadan medalla no campionato galego infantil e cadete de piragüismo

Martes, 26 de xullo de 2016

[26-07-2016] Os rapaces e rapazas do Club de piragüismo Ribeiras do Tambre conseguiron uns grandes resultados no campionato galego de pista cadete e infantil disputado este pasado sábado, 23 de xullo, no complexo deportivo David Cal, situado en Verducido. A representación amesá estivo composta por 16 rapaces e rapazas que lograron 10 medallas. Deste xeito, subíronse o podio en 5 competicións conseguindo unha medalla de ouro, dúas de prata e outras dúas de bronce. A vindeira fin de semana competirán no campionato de España que tamén se celebra en Verducido.

O complexo deportivo David Cal acolleu o sábado pasado o campionato galego de piragüismo de pista para cadetes e infantís. A competición, que se disputou ao longo de toda a xornada, foi puntuable para as ligas masculina e feminina das dúas categorías. Os participantes competiron nas modalidades de individual e de barcos de equipo sobre as distancias de 1000 e 500 metros. Cómpre destacar a numerosa participación neste campionato que contou con 480 embarcacións na liña de saída durante toda a xornada.

O concello de Ames estivo representado neste campionato a través dos 16 padexeiros e padexeiras do Club Ribeiras do Tambre que se desprazaron a Verducido. Unha vez máis, os rapaces e rapazas deste club amesán conseguiron uns excelentes resultados subindo o podio en 5 competicións e conseguindo unha medalla de ouro, dúas de prata e outras dúas de bronce. En total, 10 deportistas de Ames conseguiron medalla.

Nas probas da mañá, Luís Guilbert conseguiu a medalla de ouro na proba K1 (categoría infantil B) e as rapazas do K4 feminino infantil A lograron a medalla de bronce. Ademais, durante a mañá cómpre destacar o cuarto posto de Gabriel Martínez en K1 cadete. Nas probas da tarde conseguíronse tres podios máis, que sumados aos dous de pola mañá, fan un total de cinco podios neste campionato galego de pista cadete e infantil.

Deste xeito, pola tarde, Luis Guilbert, Bernabé Pais, Abel Álvarez e Ismael Docampo gañaron a medalla de prata en K4 infantil A. Bernabé Pais e Abel Álvarez tamén conseguiron a medalla de prata en K2 infantil A. Por outra banda, Gabriel Martínez e Ángel González lograron a medalla de bronce en K2 cadete. Ademais, Ana Zaballa e Shenoa da Silva conseguiron un quinto posto en K2 infantil A.

Por último, hai que destacar que os días 30 e 31 de xullo 15 rapaces e rapazas do Club de piragüismo Ribeiras do Tambre competirán no campionato de España, que se volve disputar no complexo deportivo David Cal, en Verducido.