Pestanas principais

Ames celebra o Día do Maior co show “Aínda estamos de festa!”, de Pepo Suevos e Dani Dopazo

Mércores, 23 de setembro de 2026

O Concello de Ames, en colaboración coa Xunta de Galicia e o Xacobeo 2027, celebrará o vindeiro 1 de outubro o Día do Maior co espectáculo humorístico “Aínda estamos de festa!”, dirixido polos cómicos Pepo Suevos e Dani Dopazo. A Casa da Cultura do Milladoiro, a partir das 19.00 horas, será a sede dun show para gozar, recordar e rir xuntos. O espectáculo, que está producido por GRUPADO, reúne música, humor e boas lembranzas. A entrada é de balde ata completar aforo. Trátase da primeira actividade deste curso 2026-2027 do programa de envellecemento activo Amessán.

Co gallo do Día do Maior, o vindeiro xoves, 1 de outubro, a Casa da Cultura do Milladoiro acolle o show “Aínda estamos de festa!”, un espectáculo humorístico e musical da man de Pepo Suevos e Dani Dopazo. Este evento combina cancións de sempre, moito humor, participación do público asistente e, de seguro, moi bo ambiente. 

O espectáculo, que está producido por GRUPADO, dará comezo a partir das 19.00 horas e permitirá ao público gozar, recordar e rir xuntos nunha xornada de festa. Para poder acudir non é necesario mercar entrada, pois o evento é de balde. Non obstante, o aforo será limitado, polo que se recomenda acudir á Casa da Cultura do Milladoiro con tempo. 

Día do Maior
O Día Internacional das Persoas de Idade celébrase o 1 de outubro de cada ano. O 14 de decembro de 1990, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas votou para establecer o 1 de outubro como o Día Internacional das Persoas de Idade. O número de persoas maiores (definidas como as maiores de 65 anos) triplicouse arredor de 260 millóns en 1980 a 761 millóns en 2021. 

Nas sociedades envellecidas, cómpre adaptarse ao crecente número de persoas maiores que posúen unha ampla gama de capacidades funcionais. Ditas capacidades non só están influenciada pola capacidade inherente dun individuo, senón polo seu contexto vital e a súa contorna. Actividades como este espectáculo favorecen un envellecemento activo e axudan a combater a soidade a través de algo tan sinxelo como o humor. Esta é a primeira actividade deste curso 2026-2027 do programa de envellecemento activo Amessán.

Ames celebra o Día do Maior co show “Aínda estamos de festa!”, de Pepo Suevos e Dani Dopazo

Multimedia

  • Ames celebra o Día do Maior co show “Aínda estamos de festa!”, de Pepo Suevos e Dani Dopazo