- Tematica
Hoxe sábado, 13 de xuño, celebrouse no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro a gala de entrega de premios do XXIII Certame Literario Concello de Ames, un acto literario-musical no que participaron 16 dos 18 gañadores nas modalidades de poesía e de narrativa. O evento estivo presentado pola xornalista de Ames Radio, Belén Martínez. Da parte musical encargouse o alumnado da Escola Municipal de Música de Ames. Participaron máis de 20 alumnos e alumnas da modalidade de música e movemento e do combo sax-project. Todos os textos premiados publicaranse nun libro colectivo que verá a luz no vindeiro mes de abril.
O Certame Literario Concello de Ames é un concurso xa consolidado no panorama literario galego e referente para os creadores e creadoras en lingua galega. Este ano, o certame alcanzou a súa vixésimo terceira edición. Neste 2026 presentáronse 186 traballos procedentes de toda Galicia e mesmo doutros puntos máis afastados da nosa xeografía.
Nestes vinte e tres anos de traxectoria do concurso recibíronse máis de 3.000 obras, e foron premiadas un total de 414. Os gañadores e gañadoras nas modalidades de narrativa e poesía da vixésimo terceira edición recibiron hoxe sábado os seus galardóns na Casa da Cultura do Milladoiro.
Ao longo da gala, a xornalista de Ames Radio, Belén Martínez, citou a Begoña Caamaño, homenaxeada neste ano nas Letras Galegas e historia do certame literario de Ames. Pois xunto con Carlos Negro e Charo Pita, formou parte do xurado que seleccionou os textos gañadores da décimo primeira edición do Certame literario Concello de Ames no ano 2014, só uns meses antes do seu pasamento.
No evento interviu o alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, que felicitou aos autores e autoras premiadas e agradeceu o traballo dos membros do xurado. O rexedor municipal comezou destacando que “Begoña Caamaño foi membro do xurado deste certame no ano 2014, compartindo labor con Carlos Negro, que tamén está nesta edición no xurado. Isto é algo que simboliza o que é este certame de narrativa e poesía, que xa está na súa vixésima terceira edición. Este certame ten dous obxectivos: o primeiro é darlle a oportunidade ás persoas que escriben narrativa e poesía de poder escribir e participar neste certame, e o segundo é manter viva a nosa lingua nun momento complicado. Dende o departamento de Normalización Lingüística estase traballando para que o galego se manteña vivo e que teña futuro entre a xente máis nova”.
Xurado do certame
Nesta edición as persoas encargadas de xulgar os textos desta edición foron: Manuel Portas Fernández, Carlos Negro Romero e Dolores Vilavedra Fernández; as tres pertencentes ao ámbito literario e referentes na creación literaria galega actual.
En representación do xurado interviu Manuel Portas, que destacou “a gran cantidade de traballos presentados, tanto na modalidade de narrativa coma de poesía. Este é un concurso literario que atrae esa vontade literaria de participar, algo que é moi imporante para que o certame se manteña no tempo”. Ademais, dixo que “máis do 20% dos traballos foron presentados por rapaces e rapazas menores de 14 anos, algo que é moi importante porque esa xente moza é o futuro. Isto significa que nun momento complicado hai futuro para a nosa lingua”.
Deseguido, procedeuse á entrega dos premios do XXIII Certame Literario Concello de Ames de narrativa e poesía. Desta volta, os traballos premiados proceden dun total de 13 concellos de diferentes. Entre a listaxe de obras gañadoras, atópanse textos procedentes de Ames, Noia, Santiago de Compostela, A Coruña, Nigrán, San Sadurniño, Oroso, Teo, Touro, Lousame, Gondomar, Allariz e Vigo.
No concello amesán quedan catro dos galardóns: o primeiro e o terceiro premio da segunda categoría na modalidade de narrativa dirixida a mozos e mozas de 14 a 17 anos; o segundo premio da primeira categoría (ata os 13 anos) na modalidade de poesía; e o segundo premio da segunda categoría (dos 14 aos 17 anos) da modalidade de poesía.
Premiados/as no certame
As nove persoas premiadas na modalidade de narrativa foron as seguintes: Aroa Domínguez Domínguez, Adriana González Leira e Ana López Canosa na primeira categoría; Elena Tedín Cobas, Enma Serrano Caneda e Sarah Muñoz Costa, na segunda categoría; e Francisco Javier Fernández Davila, Sonia Corral Franco e Israel Martínez Veiga, na terceira categoría.
En canto á modalidade de poesía, as persoas galardoadas foron: Adriana González Leira, Xela Ramos Domínguez e Lois Herva Rodríguez, na primeira categoría; María Rodríguez Maroño, Elvia Pérez Álvarez e Ana Laranga Romero, na segunda categoría; e Marta Dacosta Alonso, María Comesaña Besteiros e Clara do Roxo, na terceira categoría.
186 traballos presentados
Nesta edición, a categoría con maior participación foi a sección para persoas maiores de 18 anos na modalidade de narrativa, na que se presentaron 65 traballos. Por outro lado, na mesma franxa de idade dentro da modalidade de poesía recibíronse un total de 58 obras. Nas outras dúas categorías de poesía, dirixidas a persoas de menos de 13 anos e a autores e autoras de entre 14 e 17 anos, recibíronse 17 e 11 textos, respectivamente. Do mesmo xeito, na categoría de narrativa nesas mesmas franxas de idade, presentáronse 22 e 13 traballos, respectivamente. En total, participaron no concurso 86 textos poéticos e 100 textos narrativos.
Dende o Servizo de Normalización Lingüística amosan a súa satisfacción porque o certame se volva a situar, un ano máis, como un convocatoria de referencia para moitos autores e autoras e porque as altas cifras de participación demostran a vitalidade da creación literaria na nosa lingua.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Promesas de la literatura de 13 municipios llevan al éxito el Certame Literario Concello de Ames"
Diario de Santiago: "A Casa da Cultura do Milladoiro acolle o acto de entrega de premios do XXIII Certame Literario Concello de Ames"
































