[08-11-2018] O Concello de Ames, en colaboración coa empresa galega Movelco: solucións de mobilidade eléctrica ecolóxica, acaba de instalar dous puntos de recarga para coches eléctricos no municipio amesá, un na praza do Concello, en Bertamiráns, e outro no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro. A iniciativa do goberno municipal aposta por impulsar o uso do vehículo eléctrico, tanto por parte da propia administración como da cidadanía.
En concreto, instaláronse dous cargadores modelo Urban, tipo poste, nos dous principais núcleos de poboación do municipio: O Milladoiro e Bertamiráns. Os dous puntos de recarga están pensados para dar servizo non só aos condutores que residen no propio municipio, senón tamén aos usuarios de vehículos eléctricos que pasen por esta localidade.
A recarga con estes postes, de titularidade municipal, será gratuíta, mediante o uso de tarxetas. O goberno municipal ten a idea de que ditas tarxetas sexan facilitadas, de xeito gratuíto, polo propio Concello directamente aos condutores de vehículos eléctricos residentes en Ames. Ademais, haberá varias tarxetas en distintos edificios municipais para aquelas persoas de fóra de Ames que desexen empregar estes puntos de recarga. Estes/as usuarios/as, con independencia do seu lugar de residencia, poderán solicitar dita tarxeta, facer a recarga, e devolvela. Trátase, ademais, de puntos de recarga rápidos, para maior comodidade dos condutores.
A instalación destes puntos de recarga enmárcase dentro dunha partida orzamentaria do Concello de Ames para fomentar o uso de vehículos eléctricos, híbridos e de hidróxeno, como alternativa aos de combustible, para reducir os niveis de contaminación.
Segundo explicou o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, “Ames é un concello peculiar, tanto polo seu gran tamaño, como por ter a poboación máis nova de toda Galicia e, a pesar de que non temos aínda tantos coches eléctricos como quixésemos, con isto pretendemos tamén que a xente se anime a pasarse á electromobilidade”.
Neste sentido, o concelleiro explicou que, dentro dos plans do Concello, contémplase, igualmente, a substitución progresiva da frota municipal por vehículos eléctricos, mediante a modalidade do renting, algo que comezarán a facer xa a curto prazo.
“Os propios concellos temos que dar exemplo, e facilitar aos cidadáns que se pasen ao coche eléctrico, pondo cargadores e dándolles acceso”, subliñou, á vez que destacou as facilidades dadas por Movelco durante todo o proceso, “rápido e sen complicacións”. Precisamente, unha das vantaxes de Movelco é que, ao ofrecer solucións integrais, os seus proxectos son “chave en man”, de xeito que o cliente pode despreocuparse de todo.
Pioneiros en Galicia
Pola súa banda, o director xeral de Movelco, Rubén Blanco, eloxiou a iniciativa do Concello de Ames, que dixo “xoga na mesma liga que cidades como Madrid ou Barcelona”, ao fomentar a electromobilidade e ser “dos pioneiros en Galicia en instalar puntos de recarga, antes mesmo que cidades grandes”.
Blanco referiuse tamén ao feito de que Movelco sexa un grupo empresarial galego, polo que poder ver en Galicia que se aposta pola mobilidade eléctrica supón “unha dobre alegría”. “En Madrid e Barcelona ou Baleares hai políticas máis activas e a cidadanía está máis concienciada, e hai certas axudas... Pero en Galicia, que é a nosa casa, sen ningún tipo de incentivo ou apoio económico, que un Concello como Ames dea este paso, é todo un exemplo a seguir, que esperamos que copien outros municipios”, engadiu.
Neste sentido, Blanco desexou que a colaboración co Concello de Ames prolónguese no tempo, para que este municipio poida converterse en modelo de poboación concienciada co medio ambiente e, en consecuencia, coa mobilidade eléctrica. “É o futuro, e un concello de xente nova, como o de Ames, sábeo”, concluíu.
Contido relacionado
Lindeiros: "Ames instala dous puntos de recarga para coches eléctricos"
Compostela 24 horas: "Ames instala dous puntos de recarga para vehículos eléctricos no Milladoiro e Bertamiráns"
La Voz de Galicia: "Ames estrena puntos públicos de recarga para coches eléctricos"