[09-05-2018] Este martes, 8 de maio, o Salón de Plenos da Casa do Concello acolleu unha segunda xuntanza entre membros da Concellaría de Medio Ambiente e voluntarias e voluntarios da agrupación de Protección Civil de Ames. O obxectivo deste encontro foi proseguir coa coordinación dos traballos realizados de control e loita contra a avespa velutina, así como avaliar as actuacións levadas a cabo ata o momento. Durante a próxima semana, a agrupación de Protección Civil colocará unha vintena de trampas naqueles lugares do concello con menos presencia destas. Á xuntanza asistiron o concelleiro de Medio Ambiente, Javier García, e o concelleiro de Obras Públicas e Servizos Básicos e presidente da agrupación amesá de Protección Civil, Blas García; así como a técnica municipal de Medio Ambiente, Patricia Reboreda, e membros de Protección Civil de Ames encargados da xestión da vespa velutina.
Membros da Concellaría de Medio Ambiente reuníronse este martes con voluntarias e voluntarios de Protección Civil para avaliar as actuacións realizadas, de maneira coordinada, de control e loita contra a avespa velutina. Así mesmo, na xuntanza tamén se organizaron as futuras accións de cara á colocación de novas trampas. Desta maneira, ao longo da vindeira semana, as 15 voluntarias e voluntarios de Protección Civil de Ames, dedicados entre outras tarefas ás accións contra esta especie invasora, colocarán unha vintena de trampas naqueles lugares do concello con menor presencia destas. Cómpre destacar que das preto de vinte e cinco trampas que se colocarán, trece foron elaboradas polas persoas usuarias da asociación amesá Arcea-Adames.
Deste xeito, as actuacións realizadas pola agrupación de Protección Civil veñen a complementar as levadas a cabo pola Concellaría de Medio Ambiente, encargada de repartir cerca de 150 trampas entre as veciñas e veciños de Ames que así o solicitaron. A coordinación das accións e a partilla de información entre os dous departamentos acordouse nunha xuntanza celebrada o pasado mes de marzo. Dita coordinación busca mellorar as actuacións realizadas e o coñecemento mutuo sobre o avance ou retroceso da avespa velutina no termo municipal amesán.
As trampas que se están a colocar actualmente están dirixida á captura das raíñas, que nesta altura do ano deixan de estar soterradas para crearen novos niños. Posteriormente, entre xuño e outubro, o obxectivo das capturas serán as avespas obreiras, para nos meses de novembro e decembro volver tentar capturar o maior número posible de raíñas.
Retirada de niños primarios
Para a retirada de niños primarios é fundamental a colaboración da veciñanza, que deberá revisar os seus galpóns, palletes, garaxes e aleiros de tellados, para comprobar a existencia de niños de avespa velutina. Para aumentar o coñecemento da cidadanía, o Concello de Ames está a preparar a elaboración e distribución dun panfleto con imaxes, que facilite a identificación deste tipo de niños por parte das veciñas e veciños de Ames.
Para a retirada dun niño é preciso avisar aos Servizos Municipais de Emerxencia a través dos teléfonos 012, 112 ou 673 17 88 88 de Protección Civil de Ames. Na loita contra o avance desta especie invasora é esencial a retirada de niños primarios, xa que se calcula que por cada un deles hai cincuenta o ano seguinte. Entre as súas características, os niños destacan pola súa cor marrón e polo seu tamaño de aproximadamente 6 centímetros de ancho e 4 de alto. Ademais, os niños contan cun buraco na parte inferior que é por onde entra a avespa velutina.
O concelleiro de Medio Ambiente, Javier García, destaca a importancia da colaboración cidadá: "É sumamente relevante que as veciñas e veciños de Ames tomen conciencia da gravidade desta praga que nos invadiu, de maneira que poidamos traballar coordinadamente as administracións e a veciñanza para loitar e controlar á avespa velutina. Sen a colaboración da cidadanía vai ser imposible erradicala”.
O concelleiro de Obras Públicas e Servizos Básicos e presidente da agrupación amesá de Protección Civil, Blas García, tamén se expresa neste sentido: “O traballo conxunto entre a Concellaría de Medio Ambiente e a agrupación de Protección Civil de Ames é fundamental á hora de localizar e controlar o problema tan grave que temos. Porén, estas accións son ineficaces sen o compromiso da cidadanía en todo o proceso de xestión e eliminación da avespa asiática".