Pestanas principais

O Punto Limpo sumou 509 entradas no mes de abril

Martes, 08 de maio de 2018

[08-05-2018] A concienciación da cidadanía amesá co medio volveu quedar reflectida nas cifras de rexistro do centro de depósito de residuos Punto Limpo, situado no polígono do Milladoiro. Desta maneira, no mes de abril, os datos amosan un pequeno incremento das entradas con respecto aos meses anteriores, acadando as 509. As cifras poñen de manifesto, deste xeito, que a veciñanza do Concello continúa a empregar o Punto Limpo á hora de desfacerse daqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel.

O Punto Limpo municipal rexistrou nos últimos meses unhas cifras de entradas constantes, superando as 400 mensuais. Porén, ao longo do pasado mes de abril, as entradas experimentaron un pequeno incremento acadando as 509. Os datos rexistrados reflicten que as veciñas e veciños de Ames continúan a mostrar o seu compromiso co medio ambiente, a través da correcta xestión dos residuos que non van nos colectores convencionais.

Desta forma, durante o pasado mes, as veciñas e veciños de Ames entregaron 3.094 quilos de equipos electrónicos, 150 quilogramos de envases baleiros contaminados e 136 quilos (17 unidades) de pneumáticos que se atopaban fóra de uso. Así mesmo, tamén se entregaron 44 unidades de tubos fluorescentes e outras lámpadas, 45 quilos (3 unidades) de baterías de chumbo, 25 quilogramos (875 unidades) de pilas e 22 unidades de aerosois.

Os entullos procedentes de obras menores supuxeron, pola súa banda, 20 metros cúbicos, aos que se sumaron 20 metros cúbicos de plásticos, 20 de metais e outros 40 de madeira, así como 116 quilogramos de pintura. A veciñanza do concello tamén achegou 54 litros de aceites vexetais e outros 24 de aceite de motor. O Punto Limpo tamén recolleu, durante o mes de febreiro, 9 metros cúbicos de roupa, 9 de papel e outros 40 de voluminosos como colchóns, sofás e escumas.

Horarios e teléfono de contacto
O Punto Limpo está situado na rúa das Hedras do polígono Novo Milladoiro e ata alí poden achegarse todas as veciñas e veciños de Ames que queiran desfacerse de obxectos e materiais que non vaian nos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel.

O centro está aberto preto de 40 horas semanais en xornada de mañá e tarde, entre luns e o sábado. Desta maneira, o Punto Limpo abre de luns a venres de 10:00h a 14:00 horas e de 16:00h a 18:00 horas. Os sábados o horario é de 9:00h a 14:00 horas e de 16:00h a 20:00 horas. As persoas que teñan calquera dúbida poden chamar ao teléfono 981 536 688. Para a recollida de voluminosos e enseres a domicilio, será preciso chamar ao número de teléfono 981 19 12 40.

O parque de reciclaxe ou Punto Limpo é un centro de aporte voluntario equipado de colectores específicos, que está capacitado para recibir residuos das persoas censadas en Ames que deberán acudir ao centro co DNI ou volante de empadroamento. Este centro favorece a separación en orixe, contribuíndo á reciclaxe dos residuos, recollendo os enseres domésticos e participando na loita contra os vertidos incontrolados. O servizo é de balde para as veciñas e veciños de Ames.


Contido relacionado


Compostela 24 Horas: "El Punto Limpio sumó 509 entradas en el mes de abril"