[30-04-2018] A Xunta de Goberno Local vén de adxudicar o subministro e instalación dun sistema de control de acceso e presenza con plataforma do empregado para o persoal do Concello de Ames. O contrato, que entrou en vigor o pasado 23 de abril, foi adxudicado á empresa Sistemas de Seguridade A1 S.L. por un importe de 34.680,71 euros.
O Concello de Ames contará a partir das vindeiras semanas cun novo sistema de control e acceso do persoal funcionario e laboral do Concello así como dunha nova plataforma do empregado para a xestión de tempos e permisos. Co novo contrato, búscase mellorar a xestión do persoal, ao tempo que se rexistra a presenza das empregadas e empregados municipais nos seus postos de traballo. O sistema, que ofrece novas funcionalidades con respecto ás existentes no anterior, baséase nunha aplicación web a través da cal se poden xestionar e visualizar os datos do programa DASSnet de presencia, ademais de mellorar as posibilidades de toma de datos e control directo polo usuario dos horarios e permisos. O contrato, que entrou en vigor o pasado 23 de abril, foi adxudicado á empresa Sistemas de Seguridade A1 S.L. por un importe de 34.680,71 euros.
O novo sistema, que se instalará en todos os servizos e departamentos do Concello, permitirá ás empregadas e empregados visualizar de maneira sinxela as horas traballadas, os fichaxes, as vacacións, o número de horas extras realizadas... Así mesmo, a nova plataforma tamén permitirá executar, entre outras, tarefas vinculadas á solicitude de vacacións ou permisos, así como visualizacións do calendario laboral; todo a través do Portal do Empregado, ao que se poderá acceder desde o explorador de internet tanto do smartphone como do computador. Ademais, este software contará cun potente “construtor de informes de presencia”. Desta maneira, a aplicación será capaz de cruzar diferentes datos dando lugar a informes que, posteriormente, se poderán imprimir e exportar en distintos formatos.
Á hora de implantar o novo sistema, instalaranse unha serie de terminais en puntos estratéxicos polos que acostumen pasar as traballadoras e traballadores municipais. Cada lector ou terminal estará conectado á unha Unidade de Control de Accesos (UCA), que estará instalada nas proximidades e que permanecerá conectado á rede Ethernet do edificio do Concello. Cada traballadora e traballador recibirá, asemade, un nova tarxeta de empregada, coa que poderá efectuar as diferentes tarefas. O novo sistema funcionará coas redes de datos xa existentes.
A diferencia do sistema anterior instalado no ano 2010, nesta ocasión os terminais de lectura serán de tarxeta en vez de pegada dixital. Trátase con isto de mellorar o servizo de mantemento dos dispositivos para que sexan o mais eficaces posibles. A tarxeta de control será a tarxeta de empregado público emitida pola Deputación provincial, que na actualidade se está a utilizar para a sinatura dixital dos documentos da Administración electrónica.
A modernización deste sistema irá parello á aprobación do novo regulamento de horas no que está a traballar o Goberno xunto á comisión de representantes que permitirá a flexibilización da xornada e potenciará a conciliación do traballo na Administración local, na procura dunha maior eficacia do servizo.
Finalmente, o Alcalde e concelleiro de modernización salienta que "para o Goberno é prioritario contar cun sistema moderno que libere do traballo diario que actualmente ten que facer o persoal de recursos humanos, á vez que se mellora a xestión do persoal modernizando a Administración e con elo, tornándoa mais áxil e eficaz".