[19-02-2018] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, achega información acerca da orde de subvencións para as actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas no ámbito da área de rehabilitación integral (ARI) dos Camiños de Santiago. A esta liña de axudas poderá optar a veciñanza das parroquias de Agrón, Covas Lens, Trasmonte, Ames e Biduído. No caso das dúas últimas, a veciñanza só poderá solicitar as subvencións no caso de que os inmobles se atopen no trazado do Camiño Fisterra-Muxía e no Camiño Portugués. O prazo de presentación de solicitudes, que xa está aberto, pechará o 31 de outubro de 2018. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter un folleto informativo sobre esta convocatoria de axudas.
A Xunta de Galicia convoca novamente o programa de axudas para a rehabilitación de vivendas e edificios no marco da área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago. A resolución pola que se convocan estas axudas saíu publicada o pasado 24 de xaneiro no Diario Oficial de Galicia (DOG). As comunidades de propietarios, as agrupacións de comunidades de propietarios e as persoas físicas propietarias únicas de edificios ou vivendas, que estean emprazas no ámbito da ARI dos camiños de Santiago, serán as beneficiarias destas axudas.
O importe máximo será de 15.000 euros por vivenda, dos que 11.000 euros provirán do financiamento estatal sen que se poida exceder o 35% do orzamento. Os 4.000 euros restantes serán de financiamento autonómico, co límite, neste caso, do 10% do orzamento. Para participar deste programa as persoas interesadas deberán solicitar, en calquera momento anterior á finalización das obras, a cualificación provisional das actuacións de rehabilitación.
Posteriormente, no prazo máximo dun mes desde o remate das obras, a persoa ou persoas promotoras deberán solicitar a cualificación definitiva á correspondente área provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS). O prazo de presentación de solicitudes está aberto desde o pasado 25 xaneiro. O 31 de outubro de 2018 será o último día habilitado para a presentación de solicitudes, salvo que se esgote antes o crédito orzamentario.
Por Ames discorren dous Camiños
A delimitación ARI comprende o trazado das sete rutas do Camiño en Galicia. O Concello de Ames é un dos poucos municipios galegos polos que discorren máis dun dos camiños de peregrinación xacobea: o Camiño Real de Santiago a Fisterra-Muxía e o Camiño Portugués. As parroquias amesás que poderán acceder a esta liña de axudas son Agrón, Covas, Lens e Trasmonte (toda a parroquia) e Ames e Biduído (só no trazado dos dous camiños).
As actuacións contempladas neste programa son obras de mantemento co obxectivo de adecuar os edificios á normativa vixente; obras para a mellora da eficiencia enerxética do edificio e vivenda; obras para o melloramento das condicións de accesibilidade aos edificios, vivendas e locais; e obras para adaptar as mesmas á normativa enerxética. Para obter máis información, as persoas interesadas poden consultar a páxina web https://ari-igvs.xunta.gal, chamar aos números de teléfono 981 294 872 e 981 151 464 ou enviar un correo ao enderezo aricscoruna@xesturgalicia.com.
Contido relacionado
Compostela 24 horas: "Rehabilitación de las casas situadas en tramos del Camino de Santiago"