Pestanas principais

O Concello de Ames adopta o sistema KOHA de xestión bibliotecaria que será común para toda a Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia

Mércores, 27 de setembro de 2017

[27-09-2017] Un novo sistema de xestión bibliotecaria está a ser instalado nas bibliotecas municipais de Ames. É o KOHA, un novo programa que será común a toda a Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. A instalación do novo sistema permitirá, entre outras cousas, a creación dun catálogo único e a unificación dos carnés de socias e socios, que comezarán a ser válidos en toda a Rede. Esta mañá, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, visitou a biblioteca do Milladoiro para acompañar as labores de actualización do inventario, que se están a realizar tanto na biblioteca do Milladoiro como na de Bertamiráns. As bibliotecas municipais de Ames permanecerán pechadas ata o vindeiro luns, 2 de outubro; ao longo desta semana, só estarán operativas as aulas de estudo.

Ames tórnase, deste xeito, nun dos primeiros Concellos en migrar de sistema de xestión bibliotecaria, abandonando o Meiga para acoller o novo programa KOHA. Isto posibilitará a integración de todas as bibliotecas públicas de Galicia, coa creación dun catálogo único e a unificación do traballo do persoal técnico das bibliotecas. Outra das novidades que trae consigo a instalación deste novo sistema é a creación dun carné único para todas as usuarias e usuarios das bibliotecas, podendo acceder aos servizos de todas as integradas na Rede. As socias e socios deberán pasar polas bibliotecas municipais de Ames nas próximas semanas, para obter o novo carné. Ademais, co novo programa KOHA tamén se logrará unha maior homoxenización e simplificación da catalogación das coleccións, o que tamén redundará na mellora do servizo.

As traballadoras e traballadores das bibliotecas municipais de Ames están xa a formarse na xestión e emprego do novo sistema. Asemade, tamén están aproveitando estes días, de peche das bibliotecas, para realizar o inventario. O Concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, achegouse hoxe ata a biblioteca do Milladoiro para acompañar estas labores de inventario. Santomil valorou positivamente a adaptación ao KOHA: “Tras o proceso de migración de datos de rexistros e de lectores ao novo programa, xa poderemos comezar a funcionar con el, o que repercutirá no beneficio de todas e todos, tanto no das socias e socios, como no das traballadoras e traballadores das bibliotecas municipais de Ames”. 

As bibliotecas permanecerán pechadas ata o vindeiro luns, 2 de outubro, estando só operativas, ata aquel día, as salas de estudo.



Contido relacionado


Ames Go: "As bibliotecas municipais de Ames adoptan o sistema de xestión KOHA"
Lindeiros: "As bibliotecas de Ames adoptan o sistema koha de uso común en Galicia"