Pestanas principais

A XII Feira do Comercio Val da Maía, que este ano inclúe un espazo dedicado ao motor, celébrase os días 10, 11 e 12 de xuño

Mércores, 08 de xuño de 2016

[08-06-2016] Durante esta fin de semana celebrarase unha nova edición da Feira do Comercio Val da Maía no que máis de 30 establecementos comerciais ofrecerán os seus produtos con grandes descontos. O venres 10 de xuño, ás 18:00 horas, abriranse as portas da que xa é a décimo segunda edición desta iniciativa comercial. Este ano, como novidade haberá un espazo dedicado ao motor no que se exporán vehículos de segunda man que estarán á venda. Ademais, contarase cun programa de actividades alternativas como son a actuación do coro de nenos/as da Escola Municipal de Música de Ames, do grupo amesán As Maianas e un sesión de zumba familiar.


A Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, en colaboración co Concello de Ames, organizan a XII Feira do Comercio Val da Maía. Esta semana asinouse o convenio de colaboración entre ambas partes para poder desenvolver durante os días 10, 11 e 12 de xuño este evento comercial que terá lugar no pavillón polideportivo de Bertamiráns. No acto de sinatura estiveron o alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Promoción económica, Isabel González, e mailo presidente da ACB, Pablo Suárez. Esta feira do comercio tamén conta co apoio do resto de asociacións municipais de comerciantes e empresarios.

A través deste convenio o Concello de Ames realiza unha achega económica de 3.053,68 euros para o desenvolvemento desta iniciativa. Tamén se cede gratuitamente o pavillón polideportivo municipal de Bertamiráns dende o día 8 de xuño as 23:00h ata o 13 de xuño as 23:00h, así como persoal da brigada municipal de obras, da concellaría de Promoción Económica e da Policía Local. Ademais, o Concello sufragará os gastos de instalación dunha liña RDSI e ADSL durante a celebración do evento. A radio municipal Ames Radio realizará un programa en directo este venres pola tarde con motivo do inicio da devandita feira.

Espazo dedicado ao motor - Expomotor
Está previsto que a este evento acudan máis de 30 expositores, que ocuparán unha superficie de 400 metros cadrados de exposición comercial. Nesta feira haberá 29 stands de diferentes sectores (téxtil, calzado, roupa deportiva, viaxes, informática, ventás e pechamentos, perfumes, colchóns, etc.). Este ano, como novidade haberá un espazo dedicado ao motor no que se exporán vehículos de segunda man que estarán á venda. Deste xeito instalaranse no exterior do pavillón 3 stands relacionados coa Expomotor con 29 vehículos ofrecidos por Mino Autos e Dimonorte (Peugeot). Un destes stands estará ocupado polo taller de reparacións Bercero.

Outra das novidades desta edición da Feira do Comercio son as actuacións musicais que se van a desenvolver dentro do propio pavillón durante toda a fin de semana. Así, o venres 10, ás 19:30 horas, actuará o coro de nenos e nenas da Escola de Música de Ames, e o sábado 11, ás 13:00 horas, será a quenda do grupo amesán As Maianas. Ademais, varios monitores/as da empresa Serviocio, Cultura, Deporte y Recreación SL, concesionaria do servizo de xestión do Centro deportivo A Telleira, impartirán unha actividade de zumba familiar o domingo 12, de 12:00 a 13:00 horas.

A Feira do comercio abrirá as súas portas este venres, 10 de xuño, ás 18:00 horas. O sábado e mailo domingo o horario de apertura será de 10:00 a 21:00 horas. A entrada é gratuíta. Ao longo dos tres días tamén se disporá de servizo de gardería, obradoiros para nenos/as e contacontos. Haberá inchables gratuítos e un servizo de cantina no interior, e diversos postos de xeados, churros, rosquillas, refrescos e bocadillos, no exterior do recinto.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Treinta expositores para la feria de gangas Val da Maía"
La Voz de Galicia: "El motor será el protagonista en la feria de Val da Maía"