Pestanas principais

O Campo Novo Milladoiro acolle mañá luns un adestramento da selección autonómica de fútbol feminino Sub-16

Domingo, 24 de maio de 2015

[24-05-2015] O campo de fútbol Novo Milladoiro acolle mañá luns, ás 19:00 horas, un adestramento da selección autonómica feminina Sub-16. Un total de dezaoito xogadoras de quince equipos levarán a cabo unha sesión de traballo sobre o recinto de herba sintética.

Entre as futbolistas convocadas estará a amesá Nuria Rábano, extremo esquerdo do Milladoiro SD e a única muller do equipo cadete. O resto de rapazas proceden do Xuventú Aguiño, Galicia de Mugardos, Racing de Ferrol, Orzán, S.C.D. Milagrosa, Victoria C.F., Vila de Corpus, Villestro S.D., Atlético Arousana, Rápido de Bouzas, Tordoia C.F., Bertola, Lérez e O Val.  

As cadetes realizarán dúas horas de traballos co obxectivo de prepararse para a Fase Final do Campeonato por autonomías, que terá lugar en Asturias no mes de xuño, onde se enfrontarán ás catro mellores seleccións de España. Estarán dirixidas polo seleccionador galego Manuel Rey Fernández, quen as ve “moi ilusionadas por ser a primeira vez que chegan a esta fase”. Fernández indica que “son un bo equipo e teñen a Verónica Boquete como un referente no fútbol galego”.  

Con todo, o adestrador recoñece que non poderán “baixar a garda” porque os conxuntos de Madrid, Andalucía ou Cataluña son “rivais moi complicados”.