[19-01-2013] O alcalde de Ames, Santiago Amor, visitou esta mañá, acompañado do primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Obras de Negreira, Juan Rey Maceira, o lugar de Ponte Maceira para coñecer de preto as consecuencias das persistentes choivas rexistradas nas últimas horas, que provocaron a subida do nivel das augas do río Tambre.
En Ponte Maceira, o rexedor amiense e o concelleiro de Negreira estiveron cos veciños e veciñas da zona. Os dous concellos seguirán ao longo das próximas horas moi pendentes da evolución da situación, a través dun dispositivo en contacto permanente co 112. Ademais, continuarán atentos ás previsións meteorolóxicas. Tamén esta mañá, a Policía municipal cortou por precaución os accesos á praia fluvial de Tapia.
As zonas que son máis susceptibles de sufrir anegamentos no concello de Ames son, ademais de Ponte Maceira, o paseo fluvial de Bertamiráns, o Rego dos Pasos, a praia fluvial de Tapia e o parque do Ameneiral.