Pestanas principais

O alcalde Santiago Amor e o concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar, participan na Ruta das Tapas

Sábado, 21 de abril de 2012

[21-04-2012] O alcalde de Ames, Santiago Amor, o concelleiro de Comercio, Promoción Económica, Traballo, Turismo e Educación, Bernardo Moar, a concelleira de Medio Ambiente, Desenvolvemento Sostible, Sanidade e Cultura, Eugenia Martín, e o concelleiro do grupo municipal popular, Alfonso Rey, asistiron este mediodía á Festa das Tapas. O rexedor municipal acompañado polos concelleiros/as do grupo de goberno participaron na Ruta das Tapas. Este sábado 21 comezaron a ruta no local Babia Café, mentres que mañá farano na Cervexería Curmáns a partir das 13:00 horas. Nesta festa participan un total de 14 establecementos do Milladoiro. Cada local presenta dúas tapas, a un prezo de 3 euros, elaboradas especificamente para esta celebración gastronómica, na que o público atopará desde pratos tradicionais ata cociña máis innovadora.


O Milladoiro celebra durante esta fin de semana a quinta edición da Festa das Tapas. Este evento gastronómico está organizado pola Asociación Cultural A Madalena en colaboración co Concello de Ames. Nesta edición participan un total de 14 establecementos do Milladoiro, que serán os principais protagonistas desta cita gastronómica. Cada establecemento ofrece dúas tapas diferentes, a un prezo de 3 euros, elaboradas especificamente para esta festa, na que o público atopará desde pratos tradicionais ata cociña máis innovadora.

A Festa das Tapas arrincou este mediodía con moito ambiente tanto na rúa coma nos propios establecementos. O alcalde de Ames, Santiago Amor, o concelleiro de Comercio, Promoción Económica, Traballo, Turismo e Educación, Bernardo Moar, a concelleira de Medio Ambiente, Desenvolvemento Sostible, Sanidade e Cultura, Eugenia Martín, e o concelleiro do grupo municipal popular, Alfonso Rey, asistiron este mediodía a esta cita gastronómica para participar na Ruta das Tapas. O rexedor municipal e os concelleiros/as comezaron a ruta no local Babia Café. Alí puideron degustar as saborosas tapas (roliño de cecina con queixo de cabuxa e foie; e torrada de bacallau afumado, crema de queixo e anchoa) que ofrece este establecemento. Mañá tamén visitaran outros establecementos que participan nesta festa, pero comezarán a ruta na Cervexería Curmáns a partir das 13:00 horas.

Pero non só hai animación dentro dos locais. As charangas TNT e O Santiaguiño amenizarán durante a xornada de hoxe o percorrido pola Ruta das Tapas, mentres que maña será a quenda dos conxuntos Os Atrevidos e O Recobio. A Ruta das Tapas está debidamente sinalizada para facilitar o itinerario do público, que pode gozar da súa degustación acompañados pola música das charangas.

Como complemento á oferta gastronómica nos locais participantes na V Festa das Tapas, no aparcadoiro do Agro do Medio habilitouse o campo da festa cunha carpa onde se desenvolverá unha atractiva proposta lúdica para todos os públicos. Neste sentido, destaca a celebración dunha verbena este sábado, ás 22:00 horas, co grupo JJ y Son. Mañá tamén haberá verbena pero un pouco máis cedo, a partir das 17:00 horas, actuará o grupo Talismán. Do mesmo xeito, no campo da festa instaláronse 12 atraccións de feira para os máis pequenos. O domingo, a partir das 20:00 horas e ata o remate da festa, estas atraccións de feira ofrecerán a súa “Tarde feliz”, coa posibilidade de mercar dúas fichas ao prezo dunha.

Outro dos centros de referencia durante esta fin de semana é a rúa de Anxeriz, na que se instalou un mercado de artesáns que permanecerá instalado ata o luns pola tarde, ampliando así a oferta do tradicional mercado de rúa da Praza de Manuel Murguía.


Ruta das Tapas

A relación de locais e tapas que se ofrecen nesa quinta edición é moi ampla e variada. A Tapería Xebre ofrece unha brocheta de vieira con lagostino; e solombo de porco con queixo García Ulloa. A Cervexería Curmáns preparará un revolto de grelos con gambas; e flaminquines. O Café-Bar El Pilón terá a disposición dos clientes empanada de patacas; e a tapa especial Pilón. O Café-Bar Manhattan ofrecerá como tapas o Capricho de Manhattan; e unha torrada de revolto de cogomelos e queixo.

Por outra banda, o Café-Bar 89 disporá de callos; e unha táboa de ibéricos. O Café-cervexaría Gallaecia disporá dun montadito de ovo de paspallás e xamón en salsa brava; e peituga de polo rechea de queixo á mostaza. O Fogar de Seidón preparará Foie con vieira; e fabada. A Tapería Antiqua terá un saquiño crocante con marisco e boletus; e tartaleta Antiqua de froitos secos. O bar Entre vinos y tapas ofreceralle aos seus clientes unha tapa de milfollas de zorza coroada con ovo de paspallás; e unha tapa denominada sorpresa de patacas con polbo e queixo San Simón.

Pero haberá máis tapas para escoller. O local Babia Café disporá dun roliño de cecina con queixo de cabuxa e foie; e torrada de bacallau afumado, crema de queixo e anchoa. O Mesón O Trasno ofrecera unha tapa de polbo á brasa; e aliñas de polo en salsa. O bar O Polígono vai preparar polbo con ameixas; e fabas con polbo. Ofrecerá tamén lamprea só por encarga. A Cervexaría Galway terá un chupito de Camemberg e langostinos; e chipiróns recheos de cogomelos e gambas sobre crema de espárragos e xamón espoldrexado. Mentres que a polbaría Lito Mambis participará na Festa das Tapas ofrecendo polbo e churrasco no seu local e na carpa instalada no campo da festa.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "La cervecería Galway ganó el concurso de la Festa das Tapas de O Milladoiro"