- Tipo
- Tematica
O próximo domingo, 18 de outubro, a Carreira Pedestre Popular de Ames cumprirá 25 anos. Esta proba contará cun circuíto homologado pola Real Federación Española de Atletismo nas distancias de 5 e 10 quilómetros, con saída e chegada en Bertamiráns, na rúa Alcalde Lorenzo. O circuíto da proba absoluta estará debidamente sinalizado, contará con indicacións en cada quilómetro e estará homologado na distancia de 10 km pola Real Federación Española de Atletismo.
Ao ser unha carreira popular, nesta poderán participar todas aquelas persoas que o desexen, con ou sen licenza federativa. Deste xeito, haberá un total de 14 categorías masculinas e femininas: pitufo, prebenxamín, sub 10, sub 12, sub 14, sub 16, sub 18, sub 20, sub 23, sénior, máster 1, máster 2, máster 3 e máster 4. O control da proba estará a cargo do Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo.
As inscricións da carreira popular en todas as súas categorías realizaranse a través da web de EMESPORTS cubrindo o correspondente formulario de inscrición. O prazo de inscrición está aberto ata o mércores 14 de outubro, ás 23:59 horas. Non se admitirán inscricións fóra de prazo nin o día da carreira.





