Pestanas principais

>XV Encontro de patinaxe artística

Domingo, 7 xuño, 2026
Ás 12.00 horas

O Concello de Ames, a través do departamento de Deportes, organiza a XV edición do Encontro de patinaxe artística das escolas deportivas municipais. A cita terá lugar este domingo 7 de xuño, a partir das 12:00 horas, no pavillón municipal de Bertamiráns. O evento conta coa colaboración do Club de patinaxe Sarela, de Bertamiráns, e o Club de patinaxe artística Omega, do Milladoiro. O programa inclúe seis exhibicións dos distintos grupos de patinaxe das escolas deportivas municipais. 

O pavillón municipal de Bertamiráns acollerá este domingo 7 de xuño o XV Encontro de patinaxe artística das escolas deportivas municipais do Concello de Ames, un evento deportivo no que participarán as rapazas e rapaces das escolas municipais de patinaxe artística. Ao longo de toda a mañá realizarán diversas coreografías grupais nas que interpretarán diferentes ideas e temáticas e, ademais, amosaranlle ao público o aprendido ao longo de todo este curso 2025-2026.

Nesta exhibición de clausura participarán un total de 180 patinadores e patinadoras de entre 5 e 17 anos das escolas do Milladoiro, Bertamiráns e Barouta, que están coordinadas polos clubs de patinaxe de Ames CP Sarela e CPA Omega. Deste xeito, haberá bailes grupais, que tratarán de representar unha idea a través da súa coreografía, e unha competición, que estará dividida en dous niveis para dar cabida a toda a progresión deportiva das nenas e nenos.