Pestanas principais

> Visita ás parroquias e cabalgata dos Reis Magos

Xoves, 5 xaneiro, 2023
A partir das 10:00 horas

Os Reis Magos visitarán o xoves 5 de xaneiro as distintas parroquias do Concello de Ames, de 10:00 a 14:00 horas. A partir das 17:00 horas terá lugar a cabalgata no Milladoiro, que se estenderá ata as 18:00 horas e rematará cunha festa no pavillón municipal coa actuación de María Fumaça. De 19:00 a 20:00 horas celebrarase en Bertamiráns, e as Súas Maxestades tamén finalizarán no pavillón, onde se desenvolverá a actuación de Pesdelán.

Os Reis Magos pasarán por todos os recunchos do Concello, visitando os locais sociais, para que tantos os cativos e cativas dos núcleos urbanos como do rural poidan acudir a velos. Desta maneira, ao longo da mañá, Melchor, Gaspar e Baltasar estarán nas once parroquias do Concello de Ames. Así, pasarán por Ameixenda e Cruxeiras a partir das 10:00 horas, por Aguapesada ás 10:30, por Piñeiro e Cobas ás 11:00, por Tapia e Ortoño ás 11:30, por Lens ás 12:00, por Agrón e Bugallido ás 12:30, por Trasmonte ás 13:00 e por Biduído ás 13:30 horas. As visitas contarán coa colaboración das diversas asociacións de veciños do rural e da Protección Civil de Ames, que acompañará aos Reis e aos paxes ao longo de todo o seu percorrido.

Para finalizar a Gran Festa de Reis, o propio día 5 pola tarde celebraranse dúas cabalgatas, nas que participarán preto de cen nenos/as e mozos/as e nas que se repartirán lambetadas. A primeira desas cabalgatas terá lugar no Milladoiro, de 17:00 a 18:00 horas. Ao rematar, as Súas Maxestades desprazaranse ata o pavillón municipal da localidade, arredor das 18:30, onde se despedirán e darán paso á actuación da artista María Fumaça. Ademais, os asistentes poderán desfrutar de rosca con chocolate e de batidos doados por CLUN.Os Reis desprazaranse tamén ata Bertamiráns, onde a cabalgata se celebrará de 19:00 a 20:00 horas. Igualmente, haberá un fin de festa no pavillón municipal, de 20:30 a 21:30, e tamén se poderá desfrutar da rosca con chocolate e dos batidos de CLUN. Así mesmo, haberá unha actuación da man de Pesdelán.